Persoal de Froiz en Lugo inicia mobilizacións pola abusiva carga de traballo e na defensa dos dereitos laborais
Traballadoras e traballadores de Froiz concentráronse este xoves no supermercado que a compañía ten na ronda Xosé Castiñeiras de Lugo para denunciar a abusiva carga de traballo e na defensa dos seus dereitos laborais. A protesta, convocada pola CIG, supón o arranque dunha campaña de mobilizacións para exixirlle á empresa que sente negociar e vai parella á campaña que a central nacionalista xa está a desenvolver en Gadis polos mesmos motivos.
A representación da CIG denuncia que o persoal ten que aturar unha sobrecarga de traballo insoportábel porque Froiz non substitúe a quen está de vacacións, permisos, etc. e nos casos das baixas por enfermidade só cubre unha parte mínima do persoal.
Á abusiva carga de traballo, explica Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo, súmanse outros incumprimentos en materia laboral como que Froiz non paga o quebranto de moeda ao persoal que fai transaccións ou que unha parte moi importante do persoal non cobra pola categoría que lle correspondería segundo o convenio.
"Hai carniceiras/os, que son oficiais de 1ª, cobrando como oficias de 2ª ou, por exemplo, cando alguén substitúe a unha persoa encargada asume as súas responsabilidades pero non cobra o plus que vai asociado a ese posto", denuncia Paz. "Por iso, xa temos presentado numerosas denuncias no xulgado para que a empresa regularice as categorías e abone os complementos que marca o convenio".
Con esta campaña, engade, tamén se lle reclama a Froiz que abra unha mesa de negociación de melloras para avanzar na equiparación salarial e reducir a fenda que hai entre os soldos que perciben as traballadoras e traballadores de Lugo con respecto ao persoal doutras provincias. Esta era unha demanda que a CIG defendeu durante a negociación do convenio provincial do comercio de alimentación, frustrada coa sinatura de UGT e USO.
"Gadis e Froiz son as empresas hexemónicas no convenio de Lugo e por iso xa iniciamos unha campaña reivindicativa similar en Gadis que manteremos até que as dúas patronais senten negociar", asevera Paz. A este respecto, chama a atención sobre o feito de que a ambas empresas "a materia prima cústalles o mesmo en Vilalba que nas Pontes, pero conseguen moita máis plusvalía en Lugo porque o persoal ten salarios moi inferiores. Avanzar na equiparación e nunhas condicións salariais dignas é o obxectivo da CIG con estas mobilizacións", conclúe.