Persoal de Endesa fará unha queima simbólica de facturas para amosar o rexeitamento ao V Convenio
O próximo xoves, os traballadores e traballadoras de Endesa, tanto o persoal en activo como o denominado pasivo, están chamados/as a concentrarse ás 12 do mediodía na Casa do Concello das Pontes para facer unha queima simbólica das facturas da luz. Con esta acción búscase manifestar o rexeitamento á aplicación do V Convenio colectivo na tarifa eléctrica.
Este convenio, asinado unicamente por UGT e a empresa, ademais de significar unha importante perda do poder adquisitivo para o persoal, supón tamén unha perda económica para a vila das Pontes e os concellos da contorna. Pois hai que lembrar que supuxo eliminar, entre outras melloras, os beneficios sociais como a tarifa de empregado/a que até entón tiña o persoal en activo e o persoal pasivo (prexubilados/as, xubilados/as, viúvas e orfos/as).
A propia Endesa, subliñan as centrais convocantes da protesta, CIG, CCOO, SIE e APREN, recoñeceu que gañara 515 millóns de euros a conta de roubarlle os dereitos ás traballadoras e traballadores.
Por iso, nesta mobilización vaise facer unha queima simbólica de recibos eléctricos de Endesa "para amosar a nosa oposición a este convenio, o peor da historia de Endesa, e que, ademais, foi asinado sen ningunha consulta nin participación dos traballadores e das traballadoras".