Persoal de Dinahosting concéntrase diante da sede de empresa contra a precarización
Con consignas como "Dinahosting precariza!" ou "O convenio non se toca!", decenas de traballadores e traballadoras da empresa santiaguesa Dinahosting concentráronse, este martes, diante do centro de traballo de Salvadas para rexeitar a caída unilateral por parte da empresa do convenio colectivo, que estaba a ser negociado polo comité de empresa coa dirección.
Nun claro intento de precarizar as condicións laborais da empresa, a patronal decidiu levantarse da mesa de negociación do AGA para que caducara o convenio de empresa e poder comezar a aplicar o convenio sectorial correspondente, o de consultorías estatal, convenio fortemente criticado pola CIG TIC polo seu desfase en dereitos laborais.
A empresa deixa caer o convenio mentres alardea do seu medre en competitividade
Mentres que a empresa fala de que "gaña competitividade" coa caída do convenio de empresa, os traballadores e traballadoras ven minguar os seus dereitos laborais, reflexados no convenio de empresa e conseguidos durante anos de acordos e mobilizacións, precarizando as condicións de traballo nunha empresa que reparte de xeito habitual beneficios ano tras ano.
Desde o comité de empresa convócase unha concentración para este xoves 7 de outubro, entre as 12:00 e 13:00 horas, no local de Salvadas, coincidindo co paro convocado ese día (de 10:00 a 14:00 horas) para seguir loitando na defensa do convenio colectivo e para que a patronal respecte a data acordada do venres 8 de outubro para seguir avanzando na negociación deste.