Persoal de Carpintería mobilízase en Malasa por un convenio digno e contra a perda do poder adquisitivo
Traballadores e traballadoras do sector de Carpintería e Ebanistería da provincia da Coruña concentráronse este mércores diante das instalacións que o Grupo Malasa ten en Cerceda, para reclamar o desbloqueo das negociacións do convenio colectivo e incrementos salariais con cláusulas de revisión sen topes, que garantan o mantemento do poder adquisitivo ante o incremento imparábel da carestía da vida.
Esta concentración enmárcase no calendario de mobilizacións acordado por CIG, CCOO e UGT en resposta ás propostas económicas da patronal, que suporían unha perda da capacidade adquisitiva ao negarse a manter a cláusula de revisión salarial recollida no convenio dende 2014.
Así, na súa última proposta, a patronal ofreceu un incremento do 0% para 2020; e do 3,1% para o ano 2021, pero só pagaría atrasos até o 1,5%. Para 2022 ofrece o 3%, cunha revisión salarial se o IPC supera o 3%, de como máximo un 1% máis e sen atrasos. E para os anos 2023 e 2024 o 1,5% con revisión salarial se o IPC supera esa porcentaxe, pero cun tope do 1,5% máis, e tamén sen atrasos. Deste xeito, só en 2021 o persoal perdería xa o 5% e no resto dos anos, ao toparse a revisión salarial sen xerar atrasos, impediríase a recuperación do poder adquisitivo perdido.
Hai que lembrar que a vixencia do convenio rematou a finais de 2019 e dende entón o persoal ten os soldos e o resto de condicións conxeladas, mentres a carestía da vida medra imparábel pola suba dos combustíbeis, a electricidade e os bens e servizos básicos. Nesta liña, a FCM-CIG denuncia que o bloqueo patronal non ten xustificación ningunha, "porque a carga de traballo que teñen as empresas do sector é tal que non dan atendido os pedidos que reciben". É dicir, as empresas continúan aumentando os seus beneficios "mentres os traballadores/as do sector seguen cos seus salarios conxelados".
Fronte a postura de recortes patronal, as centrais sindicais, que trasladaron unha plataforma reivindicativa unitaria, reclaman a creación dun plus de quendas (como xa existe no convenio de Carpintería de Pontevedra) e que se garanta o poder adquisitivo dos salarios, con cláusulas de revisión salarial sen topes e cobrando atrasos salariais desde o primeiro día, cando o IPC real acumulado suba máis do incremento inicial do convenio.
Xunto a isto, demandan que se regulan as condicións do persoal que ten que desprazarse a montar as tendas de Inditex (principal cliente de moitas das empresas atinxidas por este convenio) a diferentes lugares do mundo.