Persoal de ambulancias péchase nas EOXI en defensa dun convenio digno
Traballadores e traballadoras de ambulancias pecháronse de maneira simultánea este xoves nas xerencias dos hospitais da Coruña, Compostela, Vigo, Pontevedra, Ferrol e Lugo e nas dependencias da Consellaría de Sanidade de Ourense para esixir avances reais na negociación do convenio colectivo. Esta mobilización vénse sumar ás medias de presións que o persoal está a realizar en defensa dos seus dereitos salariais e laborais e desenvólvese coincidindo coa terceira semana de folga no sector, que segue a rexistrar un seguimento masivo.
Ademais, esta tarde está convocada unha nova xuntanza coa patronal a partir das 16:30 horas en Compostela, na que dende a parte social agardan avances para garantir unhas condicións salariais, laborais e sociais dignas para todo o persoal, así como garantir un servizo público de calidade. Neste senso, o responsábel nacional de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, lembrou que na reunión do luns se produciron certos avances aínda que insuficientes para suspender a folga, xa que a proposta patronal non permite recuperar o poder adquisitivo perdido nestes tres anos sen convenio.
Deste xeito, a oferta da patronal chega a un incremento do 4% para novembro deste ano; o 3% en novembro de 2020; o 1% en xaneiro de 2021; o 1% en 2022; a metade da terceira paga extra en 2021 e enteira en 2022. Non obstante, "a patronal só fala de incrementos a futuro, pero non queren poñer nada para recuperar os salarios perdidos dende 2015", lamenta Pastoriza.
Ademais, o empresariado está limitando as negociacións á parte económica e non se abriu aínda o debate sobre o contrato en prácticas ou a mellora das condicións laborais en materia de prevención de riscos. Así as cousas, a folga e as mobilizacións continúan adiante "e non imos parar até ter asinado un convenio no transporte sanitario digno e con dereitos", asevera.