Persoal das residencias de maiores privadas clama en Pontevedra por un convenio galego digno

A CIG-Servizos puxo en marcha un calendario de mobilizacións nas sete comarcas para reclamar melloras laborais ante a proposta insuficiente da patronal
Pontevedra - 05 Nov 2024

Un grupo de traballadoras/es das residencias da terceira idade privadas mobilizouse hoxe diante de DomusVi en Pontevedra para reclamar un convenio colectivo galego digno e denunciar que a última proposta da patronal non supón unha mellora condicións laborais dignas. A CIG-Servizo puxo en marcha un calendario de protestas tras celebrar asembleas cos cadros de persoal nas que se rexeitou por insuficiente a oferta do empresariado.

A concentración de hoxe diante da residencia DomusVi da rúa Loureiro Crespo -que tivo lugar a partir das 11:30 horas ao berro de “Convenio digno, salarios xustos” e “Patronal culpábel, Xunta responsábel- foi a primeira das convocadas nas sete comarcas do país. De xeito que nas vindeiras semanas repetiranse mobilizacións en Lugo, Ferrol, Santiago, A Coruña, Vigo e Ourense. 

As categorías máis baixas do convenio non chegan ao SMI, e gran parte delas están só 10 euros por enriba

Segundo explican dende a CIG-Servizos, as empregadas/os do sector acumulan unha importante perda de poder adquisitivo (do 7,8%) dende a sinatura do anterior convenio (2020-2023) por parte de CCOO e UGT. Ao que hai que sumarlle o feito de que a suba do SMI aplicada polo Goberno central neste período foi do 24,4%, o que provocou que as categorías máis baixas do convenio non cheguen ao SMI e gran parte delas estean só 10 euros por enriba en 2024. “Os salarios estanse a empobrecer dun xeito brutal, mentres os beneficios das sete principais empresas do sector ascenderon a 1664 millóns de euros anuais”, denuncian.

Pois neste contexto a patronal vén de facer unha proposta de convenio que as traballadoras/es consideran insuficiente, xa que lonxe de frear o empobrecemento dos soldos afonda máis nel. “Empeora as condicións económicas do persoal de cara ao futuro e tampouco establece avances suficientes nas condicións sociais”.

Na central sindical censuran que isto esta a acontecer co “silencio cómplice” da Xunta, “á que se lle enche a boca falando do modelo de coidados e residencias mentres perpetúa un sistema de explotación das persoas traballadoras baixo o xugo de transnacionais e fondos de investimento que só miran o seu beneficio económico e aos que nada lles importa nin as persoas traballadoras nin as usuarias”.

En consecuencia, as asembleas de traballadoras/es expresaron “o seu non rotundo” á proposta do empresariado e a vontade de dicirlle “alto e claro” que “non estamos dispostas/os a seguir recollendo migallas e vivindo na miseria” porque “queremos unhas condicións de traballo dignas acordes a un traballo que é esencial para a sociedade”. 

Seguintes mobilizacións

-13 de novembro, Lugo: diante de DomusVi en Outeiro de Rei ás 12:00 horas.

-20 de novembro, Ferrol: diante da residencia DomusVi (Avenida de Esteiro 49-51) ás 11:00 horas.

-27 de novembro, Santiago.

-4 de decembro, A Coruña: concentración diante da residencia de Arteixo (xestionada por SIAD 24 Galicia, Cogami e Combina Social).

-11 de decembro, Vigo.

-18 de decembro, Ourense.