Persoal das Fundacións de Investigación sanitaria mobilízase para exixir o inicio das negociacións para un convenio único
O persoal das Fundacións Públicas de Investigación Biomédica e de Medicina Xenómica mobilizáronse esta mañá ás portas dos seus hospitais de referencia na Coruña, Compostela e Vigo, para reclamar a inmediata constitución da mesa de negociación para un convenio único.
As e os traballadores mantiveron estas mobilizacións malia a semana pasada recibir unha convocatoria para unha reunión "preliminar para abordar o inicio do proceso de negociación", o vindeiro día 15 de xaneiro. Convocatoria que consideran que se lles remitiu para evitar as súas protestas nunhas xornadas organizadas pola FIDIS en Compostela -que contaban coa presenza da dirección do Carlos III máis do Conselleiro de Sanidade-.
Segundo explicou María Cebro, representante da CIG na IDIS, a Fundación de Investigación de Compostela, “levamos dous anos co convenio caducado, até o de agora non nos reuniron para establecer a mesa negociadora, así que é aínda que temos esa cita o 15 de xaneiro, trátase dunha reunión preliminar, pero non nos consta que se vaia establecer a mesa negociadora”.
O que demandan é un convenio único para os tres Institutos de Investigación Sanitaria, ao que se incorporaría o de Medicina Xenómica, na que tamén hai persoal investigador, pero que ten que unha situación particular porque ademais exerce unha función asistencial. “Non teñen convenio, necesitan regularizar as categorías profesionais e temos que estar todas e todos equiparados ao persoal do SERGAS”, matiza Cebro.
Sen noticias para renovar o convenio
A representante da CIG no IDIS denuncia que malia o tempo que leva o convenio caducado e denunciado “até o de agora non recibimos absolutamente ningunha noticia para volver a negocialo”. Entre as súas demandas máis urxentes apunta a estabilidade, o salario e a carreira profesional, que “non se nos contempla, sobre todo as categorías profesionais que deben ser equiparadas ao público”.
Respecto dos incrementos salariais lembra que só tiveron pequenos incrementos, pero sen actualizar ao IPC. Canto á carreira profesional denuncia que “non se nos está contabilizando. Eu, por exemplo, levo sete anos e non cobro trienios, non estou estabilizada e iso é necesario, absolutamente necesario”.