Persoal das estacións da ITV mobilízase diante do Parlamento para reclamar un convenio digno
Traballadores/as das ITV concentráronse este martes diante do Parlamento galgo en demanda dun convenio colectivo digno. O persoal denuncia que despois de 12 reunións, nada se ten avanzando na negociación por culpa da postura inmobilista da empresa concesionaria do servizo, SyC Applus, que apenas variou a súa proposta inicial.
Durante a protesta, a representación social rexistrou un escrito dirixido a todos os grupos parlamentarios solicitándolles unha reunión urxente de cara a evitar que se intensifique a conflitividade no sector, "posto que as ITV son un servizo público dependente da Xunta de Galiza".
"Nós xa rebaixamos a nosas pretensións para tratar de achegar posturas e facilitar o proceso de negociación, pero a empresa permanece inmóbil, pensando que céntimo a céntimo imos chegar a algún acordo", criticou un dos representantes do persoal.
Lembrou que esta empresa ten a concesión das estacións galegas da Inspección Técnica de Vehículos (ITV) dende o ano 1987 "e malia que lle pedimos varias veces o prego de condicións non nolo facilitaron". A representación do persoal trasladoulle unha petición similar á Xunta de Galiza para coñecer exactamente os termos da concesión, pero a administración autonómica tampouco contestou.
A este respecto, denuncian que os traballadores e traballadoras do servizo están cos soldos conxelados, cando as tarifas que teñen que pagar os usuarios e usuarias se incrementan ano a ano e os beneficios da empresa, só en Galiza, ascenden aos 22 millóns de euros. Esta compañía tamén ten a concesión das ITV noutras autonomías e ten presenza en 70 países.
Destacan que son unha parte importante, "senón a máis importante" da empresa polo que demandan unha mellora das condicións salariais e laborais digna, fronte ás propostas insuficientes presentadas por SyC Applus.
Os principais atrancos na negociación seguen a ser cuestións referentes á xornada e aos días de libre disposición; avanzar na eliminación das diferenzas entre o persoal de nave, que chegan aos 500 euros ao mes; así como rematar coa discriminación por razón de sexo ao persoal administrativo "que por ser un colectivo feminizado perciben contías económicas inferiores nalgún complemento salarial".
Outras reivindicacións pasan por mellorar as licenzas e o complemento de IT por continxencias comúns do 90% dende o primeiro día, melloras nas vacacións ou mellorar as condicións do persoal desprazado nas ITV móbiles.