Persoal das empresas estibadoras concéntrase na Autoridade Portuaria de Ferrol por un convenio digno
Traballadores e traballadoras de empresas estibadoras da provincia da Coruña concentráronse esta tarde diante da Autoridade Portuaria de Ferrol en demanda dun convenio colectivo digno, que mellore as súas condicións laborais, salariais e sociais que teñen practicamente conxeladas dende hai anos.
Con esta protesta, a FGAMT-CIG retoma as mobilizacións iniciadas en 2021, ano no que romperon as negociacións do convenio de axencias marítimas, que está sen renovar dende 2019. Neste senso, explican que "diante da desidia da patronal e de CCOO e UGT que tiveron máis dun ano esquecida a negociación do convenio", esta retomouse o pasado ano a iniciativa da CIG, mais até o momento non se produciron avances que permitan pechar un acordo.
Ao contrario, a posición da patronal (constituída maioritariamente por TMGA, Pérez Torres, Berge e DSV) segue a ser a de non aceptar a existencia dunha cláusula de revisión salarial que garanta o mantemento do poder adquisitivo; unha negativa rotunda a negociar a regulación do persoal fixo-discontinuo; ademais de non aceptan avances en materias como licencias, xubilación, xornada etc.
Para a CIG resulta fundamental que no convenio colectivo se garanta o mantemento do poder adquisitivo dos salarios. Pois hai que lembrar que neste sector os salarios son baixos, practicamente mileuristas, "e só se poden considerar decentes se realizas unha gran cantidade de horas extraordinarias".
A recente reforma da contratación fai necesaria tamén a regulación das condicións nas que prestan servizo as e os traballadores fixos-discontinuos, xa que na actualidade esta modalidade desregularizada supón un enorme nicho de precariedade que está a padecer gran parte do persoal que presta servizos nas empresas do sector.
Precisamente, a protesta prodúcese un día antes da nova xuntanza de convenio convocada para mañá, xoves 19 de xaneiro, e, en función do que aconteza nesta, a CIG convocará asemblea de persoal para acordar as medidas a levar adiante para conseguir obxectivo de dignificar o sector.