Persoal das contratas do Concello de Santiago, en loita polos seus dereitos
Traballadores e traballadoras das contratas do Concello de Santiago volveron mobilizarse este xoves en defensa dos seus dereitos, esixir o cumprimentos dos acordos, que se respecten as súas condicións laborais e salariais e denunciar o abandono do Goberno municipal ante os abusos das empresas adxudicatarias. Deste xeito, persoal do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria -adxudicado a Urbaser-, dos centros socioculturais e do Servizo de Axuda no Fogar manifestáronse dende a Alameda até a Praza do Obradoiro, onde remataron cunha concentración ás portas do Pazo de Raxoi exixindo do Goberno local que asuma as súas responsabilidades.
A manifestación foi convocada polo comité de Urbaser para denunciar os incumprimentos dos acordos acadados coa representación social en anos anteriores sobre a renovación do persoal eventual, o incumprimento do prego de condicións e o bloqueo na negociación do convenio.
Sobre o incumprimento dos acordos, o comité alerta que está afectando á estabilidade no emprego e xa provocou o despedimento de dous compañeiros con catro anos de antigüidade “en represalia ás negociacións actuais do convenio colectivo”.
Lembran que na negociación do convenio do ano 2017 o comité de Urbaser de Santiago chegou a un acordo coa empresa para establecer unha bolsa de traballo de forma que toda persoa traballadora tivera un período de proba de seis meses (nun principio a empresa quería 2 anos), e superado ese tempo pasaría a formar parte dunha bolsa de traballo que se usaría para cubrir vacantes que puideran ir xurdindo por orde de antigüidade.
Desde esa data, explica o comité, quen entrara en contrato de vacacións primeiro, despois pasaría a contratos por baixas de longa enfermidade. Isto víñase facendo así até que no mes de novembro se saltou a orde de contratación. Pero segundo o comité, o máis grave é que “dúas persoas que levaban catro anos traballando con nós, acabaron o contrato e non lles fixo outro contrato novo”.
O comité entende que a empresa está vulnerando o acordado e polo tanto vulnerando os dereitos das persoas traballadoras e reclama que se respecten os pactos acadados. Agora denuncian ademais o incumprimento da empresa do actual prego de condicións ao que hai que sumar que se está a negociar o convenio colectivo e demandando que se inclúa a suba do IPC para que se manteña o poder adquisitivo das traballadoras e traballadores.
11 xornada de folga nos centros socioculturais
No caso do persoal da rede de centros socioculturais, que hoxe está secundando a 11 xornada de folga, o conflito arrástrase dende que se iniciou o proceso para o novo concurso, dividido en varios lotes e marcado polos problemas por mor do absoluto mutismo do concello, que non quixo escoitar as advertencias das traballadoras e traballadores, e que segue sen dar solucións; e polos anuncios das empresas de que non van aplicar o convenio colectivo propio, conseguido tras duras mobilizacións.
A só un día de que as novas empresas adxudicatarias entren no servizo, o persoal mantén as mesmas reclamacións que hai tres meses, cando deron comezo ás xornadas alternas de folga. Despois da segunda xuntanza coa Alcaldía e dunha reunión conxunta coas tres empresas concesionarias, o comité manifesta "a nosa insatisfacción, o noso abraio e a nosa disconformidade".
Denuncian que non as empresas non deron ningún paso de cara á "consecución de acordos" e manteñen unha actitude absolutamente antidialogante. "Atlantic Ponte, Serviplus e Nor’integra (Grupo Nortempo), amparadas por un equipo de goberno que menospreza as traballadoras da rede de centros, néganse a negociar as nosas peticións. Non só declinan a posibilidade de aplicar o convenio propio, senón que manteñen a idea de que o servizo se desenvolverá correctamente con traballadores e traballadoras, cun mesmo posto e unha mesma xornada horaria, pero con salarios e dereitos diferentes".
Diante da escasa vontade das novas empresas para manter a calidade do servizo e respectar os dereitos laborais, o comité xa avanza que a folga no mes de xullo será unha realidade. A este respecto, critican a pouca importancia que o Concello lle dá á prestación dun servizo público de calidade e á salvagarda das xornadas de conciliación nun mes tan complicado como o de xullo.
"Os convenios de servizos públicos municipais externalizados son convenios de centro de traballo que deben manterse ante o cambio das empresas, iso é o que reclamamos, que se respecten os nosos dereitos", conclúen.
A suba do 6,5% no SAF é irrenunciábel
Pola súa banda, as traballadoras do SAF, concesionado a Servisar, reclaman a aplicación inmediata da suba salarial do 6,5%, que corresponde ao IPC real de 2021, tal e como se estabelece na cláusula de revisión do convenio colectivo. Esta loita é común a todas as traballadoras dos servizos de axuda no fogar externalizados, xa que só unhas poucas empresas están a cumprir o convenio e efectivizaron xa o incremento salarial do 6,5%.
Con este obxectivo e para lograr a dignificación das condicións laborais e económicas destas traballadoras -que desenvolven un traballo básico para a sociedade pero que segue a estar pouco valorado-, a CIG-Servizos ten en marcha unha campaña para instar as administracións responsábeis deste servizo público (Xunta e concellos) a que obriguen as empresas concesionarias a cumprir co convenio colectivo e respectar os dereitos laborais, xa que en moitos casos, as compañías nin sequera cumpren cos pregos de condicións.
No marco desta campaña estanse rexistrando mocións e preguntas nos plenos municipais nas que tamén se insta ás administracións a pular por unha mellora das condicións laborais e salariais deste persoal, revisar as condicións dos contratos e, nomeadamente a Xunta de Galiza, a incrementar o prezo do servizo para reverter a precariedade na que traballan estas profesionais e ofrecer unha calidade asistencial digna.