Persoal das ambulancias mobilízase na vivenda do conselleiro de Sanidade en Baiona para reclamarlle que interveña no conflito
Traballadores/as e delegados/as da FGAMT-CIG do transporte sanitario mobilizáronse hoxe diante da vivenda do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, en Baiona, para reclamarlle a súa intervención no conflito laboral aberto tras a ruptura das negociacións do convenio colectivo. Dende a central adiantaron esta mesma semana que barallan a convocatoria dunha folga no sector das ambulancias no caso de que a patronal non abandone a súa proposta de aplicar rebaixas salariais do 6-7% e sociais de arredor do 3%.
Máis de medio cento de empregados/as e representantes sindicais do sector do transporte sanitario chegados/as de distintas localidades do país participaron esta mañá na concentración convocada pola CIG ás portas do edificio onde reside o máximo responsábel da sanidade galega para sinalar a responsabilidade da Xunta na situación na que se atopa o persoal das ambulancias: tres anos sen convenio colectivo e con condicións laborais de absoluta precariedade (horas extras sen cobrar ou mal pagadas, sen os descansos nin as vacacións regulamentarias, con material e uniformes deficientes e con sobrecarga de traballo por falta de persoal).
Ao berro de “conselleiro dimisión” permaneceron por espazo dunha hora diante da vivenda de Almuíña, onde despregaron unha faixa e corearon outras consignas como “Conselleiro, escoita, ambulancias está en loita” ou “Xunta e patronal, culpábeis por igual”. Ao remate da protesta saíron en manifestación até o centro de saúde da localidade, tras o que disolveron unha mobilización que se desenvolveu sen incidentes. Con todo, axentes da Garda Civil identificaron o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xavier Aboi, e o responsábel do sector do transporte da CIG de Vigo, Carlos Martínez.
Dende a central responsabilizan directamente a Xunta do bloqueo do convenio, “primeiro por sacar contratos por debaixo de custo e logo por aceptar as propostas con baixa temeraria que presentaron as empresas para competir entre elas”. Ademais, a administración tamén é responsábel de que moitas ambulancias circulen nas pésimas condicións nas que o fan: nalgunhas chove dentro, outras cos escalóns para facilitar o acceso das persoas con mobilidade reducida rotos (“o que obriga a colocar unha caixa de cervexa para que suban”). E o seu persoal con uniformes que non se desinfectan e poderían provocar un problema de saúde pública ou nalgúns casos nin sequera con uniformes para traballar.
“Unha situación que a Xunta permite, como permite tamén que se incumpran as plicas da contrata que obrigaban as empresas a renovar a flota de vehículos pero que, en lugar de facelo, estanse a intercambiar os coches unhas e outras”.
Reivindicacións do persoal
A isto hai que sumar agora a pretensión da patronal do sector de reducir os salarios un 6-7% e eliminar os complementos por IT; reducir días de asuntos propios; crear tres escalas salariais á baixa; e mesmo recortar en lavado de roupa e uniformes.
As reivindicacións dos traballadores/as resúmense en tres aspectos: incremento salarial mediante o recoñecemento do dereito a percibir a terceira paga extra; reducir o número de horas, que se ampliaron nestes últimos anos ao medrar nun 20% o número de servizos realizados sen incrementar o persoal; e melloras en materia de saúde laboral, xa que mentres a media de baixas en Galiza é dun 5% neste sector malia a media de idade estar nos 40 anos, a media de baixas -na inmensa maioría por problemas músculo esqueléticos- é do 13%.
Polo tanto, no caso de que a patronal non atenda as reclamacións dos empregados/as e insista na súa intención de rebaixar o convenio un 10%, a FGAMT-CIG baralla convocar unha folga no sector, tal e como anunciou esta mesma semana.