Persoal das Administracións Públicas mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais
Nacional - 04 Nov 2026

Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal empregado público e para reivindicarlle ao Goberno galego e ao estatal medidas para reverter este empobrecemento.

A mobilización, que estivo precedida dunha asemblea de persoas delegadas, partiu ao mediodía día de San Lázaro e rematou cunha concentración ás portas do complexo administrativo da Xunta en San Caetano onde se reclamaron salarios dignos, garantía salarial e vivenda accesíbel e se lanzou un chamamento á secundar a folga xeral deste 11 de novembro.

O secretario nacional da CIG-Administración Pública, Luís Carballo, lembrou que nos últimos anos os salarios do persoal empregado público acumulan unha perda do 23%, “froito de anos de acordos salariais insuficientes e da ausencia de garantías que impidan que a inflación siga reducindo o valor dos nosos salarios”.

Puxo especial atención nas dificultades económicas que están enfrontando as traballadoras e traballadores das categorías maioritarias na administración, como os grupos C1 e C2,  e nos baixos salarios de moito persoal dos concellos, cuxas retribucións nas RPT xa quedaron por debaixo do SMI e teñen que percibir un completo a salario para chegar ao mínimo legal.

Carballo criticou que os orzamentos presentados polo Goberno galego non dean resposta aos problemas do persoal para poder facer fronte ao medre imparábel da carestía da vida e facilitar o acceso á vivenda; e que o Goberno do Estado non garanta unhas bases retributivas “que impidan que sigamos perdendo poder adquisitivo”.

Neste senso, Carballo lamentou que CSIF, CCOO e UGT teñan asinado ano tras ano acordos retributivos insuficientes “que non garanten a capacidade adquisitiva” e “dan por boa a perda continuada dos nosos salarios”.

Cláusula de revisión e medidas para facilitar o acceso á vivenda

Para reverter esta realidade, as reivindicacións máis urxentes da CIG-Administración pasan polo estabelecemento dunha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC real e blindada por lei que permita actualizar os salarios en función da evolución do custe da vida e un plan plurianual para recuperar a débeda salarial acumulada.

Xunto a isto, un plan público de vivenda en alugueiro para o persoal empregado público; medidas que faciliten o acceso á vivenda nas zonas cos prezos máis elevados; complementos ou mecanismos retributivos que teñan en conta o custe da vivenda; así como a recuperación do poder adquisitivo e a mellora real das condicións laborais.

En materia de vivenda, Carballo recalcou que a Xunta de Galiza ten competencias plenas e capacidade política para impulsar solucións, polo que lle exixiu “que deixe de tratar o problema da vivenda como se non tivera nada que ver coas condicións de vida de quen traballa para a Administración”.

O secretario nacional da CIG-Administración Pública apuntou que este paquete de propostas “responden a necesidades reais, porque detrás de cada nómina hai persoas e familias que teñen que facer fronte a gastos cada vez máis elevados, porque a vivenda non pode absorber unha parte cada vez maior dos salarios e porque uns servizos públicos fortes necesitan persoal valorado, con dereitos e condicións de traballo dignas”.

Folga xeral por unha vida digna

“A CIG seguirá defendendo os nosos dereitos, reclamando solucións e mobilizándonos até conseguir avances”, aseverou Carballo, quen rematou a súa intervención facendo un chamamento a secundar á folga xeral do vindeiro 11 de novembro e saír á rúa para reivindicar medidas que garantan unha vida digna.