Persoal da sanidade pública galega clama contra os bombardeos a hospitais en Gaza

Manifesta a súa solidariedade co persoal sanitario e reclama “a fin da barbarie e do xenocidio que está a cometer Israel”
Nacional - 24 Abr 2024

Persoal da sanidade pública galega concentrouse esta mañá ás portas dos hospitais en Ferrol, A Coruña, Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo  para manifestar a súa solidariedade coa poboación palestina e, nomeadamente, co persoal sanitario; exixir a fin da “barbarie” e do xenocidio e denunciar que “os hospitais, centros de saúde e ambulancias non poden ser obxectivos militares”.

Ao berro de “Os hospitais de Gaza non son unha ameaza”, “Non é unha guerra, é un xenocidio”, “O sionismo é o terrorismo” ou “Palestina vencerá” decorreron as mobilizacións do persoal da sanidade pública galega que quixo así denunciar os ataques indiscriminados do exército israelí contra centros de saúde, ambulancia, persoal sanitario, doentes e contra a poboación en xeral.

 Ao remate das concentracións, convocadas pola CIG-Saúde, co apoio da Asociación Galaico Árabe Jenin, Mar de Lumes e Galiza por Palestina, deuse lectura simultánea ao manifesto que, de seguido, reproducimos.

MANIFESTO

OS HOSPITAIS DE GAZA NON SON UNHA AMEAZA!

A sanidade galega en apoio á sanidade da Palestina.

Os hospitais, centros de saúde e ambulancias non poden ser obxectivos militares.

As traballadoras e traballadores da sanidade galega queremos dicir que o persoal da sanidade da Palestina non está só.

A CIG-Saúde, co apoio da Asociación Galaico Árabe Jenin, Mar de Lumes e Galiza por Palestina, instamos ao persoal da sanidade e ao conxunto da cidadanía, a manifestar, aquí hoxe, a súa repulsa aos ataques a hospitais, centros de saúde, ambulancias, escolas médicas e persoal sanitario e de axuda humanitaria.

Bombardear hospitais, centros de saúde e ambulancias é un crime de guerra que converte en vítimas ás persoas que tiñan que coidar e socorrer á poboación de Palestina.

O estado de Israel está utilizando os ataques aos centros sanitarios dentro da estratexia de barbarie e xenocidio contra o podo de Palestina.

Condenamos as políticas de apartheid e violencia, tanto física como simbólica, psicolóxica e económica, do estado de Israel contra a poboación árabe da Palestina. Os ataques contra hospitais, centros de saúde e ambulancias son unha mostra desta violencia.

Segundo a propia OMS recoñece, o estado de Israel está realizando ataques sistemáticos contra hospitais, clínicas ou ambulancias tanto en Gaza como en Cisxordania.

Foron bombardeados hospitais cos corredores abarrotados de feridos, enfermos ou Moribundos; coas morgues ateigadas; mentres se realizaban operacións sen anestesia e decenas de miles de gazatís desprazados estaban refuxiados ao seu amparo.

Como traballadoras e traballadores da sanidade non podemos quedar caladas fronte a esta barbarie, fronte a este xenocidio, polo que queremos mostrar o noso apoio e solidariedade co persoal da sanidade de Palestina e reclamar a fin da barbarie e do xenocidio que está a cometer o estado de Israel.

A Sanidade Galega coa Palestina

Alto aos ataques contra hospitais e persoal sanitario!

Galiza coa Palestina! Palestina vencerá