Persoal da sanidade privada volverá á rúa para rexeitar a proposta de convenio da patronal de Pontevedra
O persoal da sanidade privada da provincia de Pontevedra volverá a mobilizarse -tras as protestas de 2011- para rexeitar a proposta de convenio colectivo achegada pola patronal. As centrais CIG, CCOO e UGT convocan unha concentración diante do Sanatorio Concheiro de Vigo este luns ás 18.00 horas.
Dende os sindicatos promotores das protestas explican que tras oito reunións para negociar as condicións do convenio colectivo de Hospitalización e Internamento da provincia de Pontevedra “a patronal continúa a facer unha oferta absolutamente insuficiente”.
En concreto, critican que propoña un convenio a catro anos, comezando no 2017, o que supón dar por perdidos o 2014, 2015 e 2016. Ademais, o empresariado estaría disposto a asumir unicamente unha subida salarial do 0,50% para cada un dos anos 2017, 2018, 2019 e 2020. “Esta proposta significa, de feito, conformarnos cunha subida salarial do 2% de salario en sete anos”.
Ao mesmo tempo, rexeitan que non haxa ningunha outra mellora social nin de redución de xornada que permita compensar esta perda real de poder adquisitivo, excepto a equiparación salarial de enfermeiras/os e fisioterapeutas en catro años (2017-2020).
Diante disto, os sindicatos CIG, CCOO e UGT, presentes na mesa de negociación, rexeitan tanto a oferta coma a actitude da patronal e consideran necesaria a unidade dos traballadores/as para facer unha fronte común que permita desbloquear a negociación.
Así, convocan unha concentración conxunta diante do Sanatorio Concheiro de Vigo (Avenida de Madrid, 4) este luns 3 de abril ás 18.00 horas.