Persoal da radio e televisión pública galega mobilízase “Por unha CRTVG ao servizo do pobo”
Persoal da CRTVG concentrouse este xoves diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, coincidindo coa celebración do Consello da Xunta. No decurso da mobilización denunciaron o “secuestro” dos medios públicos por parte do executivo galego e demandaron o seu rescate para os poñer ao servizo das necesidades democráticas, sociais e culturais do noso pobo.
Así o expresou o presidente do comité intercentros, Tiago Alvite, quen denunciou a “manipulación continua e descarada” dos telexornais, “en beneficio da forza política no goberno, o Partido Popular” e o “deterioro da variedade, o equilibrio e a calidade dos contidos destinados aos distintos públicos” no resto da programación.
Alvite apuntou ademais a falta de atención que a CRTVG presta á infancia e á mocidade; a imaxe que reproduce das mulleres, “con reiterados e escandalosos episodios de violencia machista nos que se viu envolvida a CRTVG nos últimos tempos” e que lembrou que foron obxecto de denuncia, por parte da representación sindical e das organizacións feministas e políticas. Isto xunto coa falta de perspectiva que ofrece da realidade social, laboral, económica e cultural do país e de todo o seu tecido social.
O presidente do comité intercentros denunciou, canda isto, a nula participación e control social da xestión e da programación da CRTVG, que “se están a deixar cada vez máis en mans de empresas privadas”, dixo.
Toda unha serie de cuestións que cualificou como “contrarias” aos valores que “deben inspirar a actividade audiovisual da CRTVG” e que resumiu en “defensa da independencia e a veracidade da información; o pluralismo político, social e cultural; a participación democrática; a cohesión social e territorial; a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas, así como a defensa da identidade de Galiza, da súa lingua e a súa cultura”.
Por iso, en nome das traballadoras e traballadores da Corporación, instou aos poderes públicos do país ao cumprimento da normativa do sector audiovisual público galego, nomeadamente ao estabelecemento do mandato marco, que fixa os obxectivos xerais que debe cumprir a CRTVG.
Misión de servizo público
O representante do comité intercentros instou ademais á aprobación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos; a creación dunha autoridade audiovisual independente que vele polo cumprimento das misións de servizo público encomendadas á CRTVG e a designación do Director Xeral por maioría cualificada do Parlamento galego.
Neste sentido denunciou que o actual director xeral foi nomeado a dedo, hai 13 anos, polo naquel tempo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, do que dixo que “agora semella que está a pedir para RTVE en Madrid o que negou aquí á CRTVG”.