A hostalaría pontevedresa inicia protestas por un convenio provincial que free a precariedade
Un grupo de traballadores/as da hostalaría pontevedresa desenvolveron hoxe unha mobilización diante do Hotel Rías Bajas de Pontevedra convocados/as pola CIG-Servizos para reclamar un convenio colectivo provincial que free a crecente precariedade no sector e denunciar o bloqueo das negociacións.
A protesta desenvolveuse a partir das 11:30 horas ao berro de “Se sube o IPC, os salarios tamén” para denunciar que tras 11 xuntanzas o empresariado segue a propoñer unha suba salarial que suporía unha importante perda de poder adquisitivo, xa que sería dun 0% para 2022 (cun único pago lineal de 400 euros non consolidábeis); do IPC real para 2023 (arredor dun 3,5% segundo os cálculos); e dun 3% para cada un dos anos 2024 e 2025, pero sen cláusula de revisión salarial a IPC, precisamente unha das liñas vermellas da CIG na negociación.
Deste xeito o incremento de soldos ascendería unicamente a un 10% nos catro anos de vixencia do acordo, polo que se traduciría nunha considerábel perda de poder adquisitivo, tendo en conta o IPC acumulado neste período. Dende a CIG-Servizos de Pontevedra sinalan tamén que o sector atópase sen convenio dende 2021, mentres que a última actualización salarial remóntase a 2020, polo que os traballadores/as sitúanse “nunha situación dramática” tendo en conta o imparábel aumento da carestía da vida.
Novas mobilizacións
Ao mesmo tempo, lamentan que a patronal tampouco estea disposta a reducir a xornada laboral anual, que nestes momentos é de 1800 horas, nin a incorporar o goce de días de asuntos propios e libre disposición, “sendo un dos poucos convenios que non os contemplan”. Outras das reivindicacións da central sindical pasa polo establecemento de dous días seguidos de descanso semanal para garantir a conciliación da vida laboral e familiar, “que que na actualidade o único persoal que ten esta posibilidade é o que ten un contrato de 8 horas ou máis; a nosa intención é que todas as persoas poidan gozar deste descanso independentemente da xornada laboral que teñan”.
Antes do inicio da mobilización celebrouse unha asemblea informativa na que se abordou o estado das conversas co empresariado, acordándose convocar novas protestas no caso de que nas seguintes xuntanzas a patronal non achegue novas propostas que se acheguen máis ao que reclaman as persoas traballadoras do sector.