Persoal da estiba intensificará as mobilizacións se a patronal non traslada unha proposta de convenio digna
Traballadores e traballadores das empresas de estiba da provincia da Coruña continuaron na tarde deste mércores coas mobilizacións para reclamar un convenio colectivo digno, que garanta o mantemento do poder adquisitivo dos salarios, regule a contratación e supoña auténticas melloras sociais. Como nas pasada semanas, a protesta desenvolveuse diante da Autoridade Portuaria de Ferrol.
Para este xoves, explica Fran Cartelle, da CIG de Ferrol, está convocada unha nova reunión da mesa de negociación e, de non presentar a patronal unha proposta que permita avanzar nun acordo, as mobilizacións continuarán, mesmo intensificándose. Neste senso, sinala que a CIG convocará asembleas de traballadores e traballadoras para decidir as medidas a desenvolver, abordando xa a convocatoria de paros e folgas nun sector que leva co seu convenio caducado dende 2019.
Cartelle indica que unha das principais reivindicacións para este convenio é que se garanta o mantemento do poder adquisitivo mediante a introdución dunha cláusula de revisión salarial. Lembra que neste sector os salarios son baixos, practicamente mileuristas, "e só se poden considerar decentes se realizas unha gran cantidade de horas extraordinarias".
Xunto a isto, reclámase a regulación do persoal fixo-discontinuo e avances significativos en materias sociais como as licencias, "que levan máis dunha décadas conxeladas".
Sobre as modalidades de contratación, "a patronal (encabezada por Pérez Torres e TMGA) pretende que se negocie empresa por empresa e nós entendemos que é no convenio colectivo onde se teñen que fixar unhas normas xenéricas para todas as compañías". Cartelle subliña que na actualidade esta modalidade desregularizada "supón un enorme nicho de precariedade que está a padecer gran parte do persoal que presta servizos nas empresas do sector".
Ademais destas concentracións e das faixas reivindicativas colocadas nos portos de Ferrol e da Coruña, o persoal xa comezou a adoptar outra serie de medidas como a non realización de horas extraordinarias. Ademais, de non producírense avances na xuntanza deste xoves, levarase ás asembleas de traballadores e traballadoras a convocatoria de folga.