Persoal da CRTVG, en folga de 24 horas, denuncia a represión, os abusos e a manipulación informativa
Traballadoras e traballadores da Corporación Radio e Televisión de Galiza concentráronse esta mañá diante das instalacións dos medios públicos, en San Marcos, para denunciar a represión, os abusos e a manipulación informativa que sofren. A folga, de 24 horas, e a concentración foron convocadas polo Comité Intercentros da CRTVG despois de que as asembleas xerais de traballadoras e traballadores acordaran mobilizarse baixo o lema “Non máis abusos”.
As redaccións na TVG e na Radio Galega amenceron esta mañá baleiras por mor da xornada de folga convocada en rexeitamento do traslado forzoso de medio de varias profesionais “foi a pinga que fixo rebordar o vaso” dun clima laboral que cualifican como “xa insostible”. Nese sentido, o Comité Intercentros denuncia “a marxinación laboral, o trato degradante, a denegación de dereitos e as sancións e a represión ao persoal crítico coa manipulación e o desmantelamento do servizo público”.
Servizos mínimos abusivos
O comité Intercentros denunciou, ademais, os servizos mínimos abusivos impostos ao persoal chamado a secundar a folga, tanto das instalacións de San Marcos como das delegacións, e independentemente do seu vínculo laboral.
Aínda así, o seguimento do paro impediu a emisión normal da programación e, de feito, non saíron nin A Revista, nin Zig, Zag e a información meteorolóxico tivo que facerse sen o acompañamento dos grafismos.
A concentración iniciouse ás portas mesmo das instalacións da CRTVG, para logo partir en manifestación até a estrada de San Marcos entre apupos ao PP polo control e manipulación da información que se emite nas canles da televisión e radio públicas galegas e denuncias da represión e os abusos ao persoal.