
Persoal da construción mobilízase diante da patronal coruñesa en demanda dun convenio galego para o sector

Delegas e delegados da CIG da Construción retomaron este martes as mobilizacións en demanda da negociación dun convenio galego no sector que permita seguir avanzando en dereitos e que blinde as melloras pactadas nos convenios provinciais fronte ao estatal. Despois das protestas en Compostela, Ourense e Vigo, nesta ocasión, a FCM-CIG levou as súas reivindicacións até a sede da patronal da Coruña, APECCO, e xa avanzou a posibilidade de ir a unha folga sectorial se o empresariado continúa ignorando as demandas do persoal.

A central nacionalista, logo da aprobación do cambio lexislativo que dá prioridade aos convenios e acordos interprofesionais autonómicos, instou a patronal da construción a iniciar a negociación dun acordo ou convenio galego “para poder saírnos do xugo de Madrid”. Un marco propio, sinalou o secretario nacional da FCM-CIG, Plácido Valencia, que os traballadores e traballadoras do sector (que ocupa en Galiza a unhas 80.000 persoas) levan anos reivindicando, “porque ven como as súas condicións laborais e salariais se van deteriorando coas negociacións que se fan en Madrid”.
Hai xa un ano, a CIG solicitoulle ás asociacións empresariais abordar esta posibilidade “pero a patronal galega da construción non quere falar co persoal da construción”. Valencia lembrou que a CIG é o sindicato maioritario no sector en Galiza e con esta negativa, “a patronal abócanos a unha situación tensa. O persoal traballador xa nos está pedindo avanzar nas accións e nas reivindicacións na defensa dun convenio galego, para poder negociar aquí e mellorar as súas condicións”. “Porque canto máis preto está a negociación colectiva das persoas traballadoras é cando máis se avanza nos dereitos”, incidiu.
Blindar os convenios provinciais

O secretario da FCM-CIG apuntou que dotar o sector dun acordo ou convenio galego blindaría os convenios provinciais fronte ao marco estatal, que actualmente ten reservadas a maioría das materias de negociación e que topa calquera mellora que se pacte a nivel provincial. Un marco propio, insiste, evitaría o que aconteceu co convenio sectorial de Pontevedra, asinado pola CIG e a patronal provincial, pero que foi impugnado pola patronal estatal porque contemplaba mellores condicións con respecto ás acordadas no marco regulador estatal.
“Se conseguimos negociar un marco interprofesional ou un convenio autonómico do sector, teríamos un paraugas para protexer os convenios provinciais. Pero a patronal non quere sentar co persoal do sector. Non nos están deixando outro camiño que seguir coa mobilización e, se teiman na súa postura, ir á convocatoria dunha folga”, advertiu.

A este respecto, Valencia criticou a actitude da patronal, que por unha banda se escuda en que non pode negociar determinadas materias porque están reservadas ou que a implantación dos plans de pensións no sector é unha imposición do marco estatal, pero por outra banda, “non quere saír dese marco. Non entendemos cal é o problema que teñen para sentar coa CIG e abordar a posibilidade dun convenio galego. Por iso seguiremos adiante coas mobilizacións”.