Persoal da construción da Coruña reclama diante da patronal un convenio digno con salarios xustos
Delegados e delegadas da CIG no sector da construción concentráronse este xoves diante da patronal coruñesa para demandar un convenio colectivo digno que garanta a recuperación e o mantemento do poder adquisitivo dos salarios. Na protesta, convocada pola FCM-CIG, denunciouse que o persoal ten conxelados os salarios dende 2021 e "é hoxe un 10% máis pobre que hai tres anos".
Durante a protesta na sede de APECCO lembrouse que na actualización de 2021 xa se produciu unha perda do poder adquisitivo do 4%, posto que a suba pactada por CCOO e UGT coa patronal foi do 2,5%, cando nese ano o IPC rematou no 6,5%. Dende entón, malia o medre imparábel do custe da vida, os traballadores e traballadoras "seguen sen ver medrar os seus soldos nin cobrar os atrasos de 2022 (cando o IPC foi do 5,7%), nin tampouco do que vai de 2023".
Precisamente, o secretario da FCM-CIG da Coruña, Mario Maceiras, apuntou ás cativas condicións como elemento chave na perda de traballadores/as que sofre o sector e da que tanto se laian as empresas. O pasado ano a construción perdeu, só na provincia da Coruña, 7.000 traballadores/as, pasando de contar con 37.000 persoas no primeiro trimestre a ter 30.000 ao remate do exercicio. "Apostar por un convenio digno, que mellore as condicións salariais e laborais e faga atractiva a construción debería estar no interese das empresas”, salientou.
Maceiras advertiu que falta man de obra e non hai recambio xeracional, polo que “resulta difícil entender a teima da patronal por manter paralizada a negociación colectiva "co único obxectivo de forzar a aplicación do convenio estatal”. Un convenio de mínimos, con subas salariais cativas e que non garante sequera o mantemento do poder adquisitivo ao non contar con cláusulas de revisión.
Criticou tamén a actitude mantida por CCOO e UGT que, na mesma liña da patronal, apostan polo marco estatal en lugar de pelexar por un convenio provincial xusto. A este respecto, indicou que tan só na provincia de Pontevedra, onde a CIG é maioritaria, se conseguiu garantir o mantemento do poder adquisitivo. "Unha nova regulación no sector moito máis ambiciosa laboral e salarialmente axudaría a que a xente nova vira a construción como un sector atractivo e non como a última opción", valorou.
Pero ademais de condicións mínimas, a través do convenio estatal preténdese implantar no sector un plan de pensións privado obrigatorio, ao que se derivaría parte da suba salarial pactada. Maceiras puxo énfase en que este é o primeiro convenio colectivo no se que implanta un plan privado deste tipo que “servirá a modo de cobaia para comprobar como funciona e logo levalo a outras actividades”.
A FCM-CIG rexeitou este tipo de medidas xa que ademais de financiarse a cargo das retribucións do persoal, a súa xestión correspóndelle á banca privada "para que especule aínda máis á nosa conta".