Persoal da central das Pontes mobilizarase na Coruña contra as pretensións de Endesa "de roubarnos o salario"

A protesta coincide coa celebración do xuízo pola demanda de conflito colectivo
As Pontes - 12 Mar 2019

Persoal prexubilado, xubilado e traballadores/as en activo da central térmica das Pontes, vanse concentrar este mércores, 13 de marzo, ás 11:00 horas, diante da delegación territorial de Endesa na Coruña, en defensa do seu convenio colectivo e para esixir o mantemento dos beneficios sociais e económicos que até agora tiñan recoñecidos. Neste momento, xa está confirmada a chegada de cinco autobuses con persoal vinculado á Endesa para participar na concentración da Coruña.

A proteste faise coincidindo co xuízo na Audiencia Nacional de Madrid pola demanda de conflito colectivo que as centrais sindicais UGT, CCOO, SIE e CIG teñen presentado contra Endesa (propiedade nun 70% da italiana Enel) pola súa decisión de deixar caer o convenio colectivo  (cuxa vixencia rematou a finais de decembro pasado) e aproveitar esta circunstancia para suprimir os beneficios recollidos nos diferentes acordos laborais (bonificación da factura eléctrica, axudas ao estudo, coberturas médicas, etc.).

Esta concentración enmárcase no calendario de mobilizacións que o persoal afectado está a desenvolver dende que se coñeceu a decisión da empresa. De feito, un grupo de prexubilados/as, xubilados/as e membros do comité manteñen un peche no Concello das Pontes dende o pasado xoves, que levantarán esta noite.

Sen convenio de referencia polas limitacións da ultravixencia

Cómpre lembrar que finais de decembro, logo dun ano de negociacións infrutuosas, Endesa comezou a comunicarlles por escrito aos seus traballadores e traballadoras as condicións individuais nas que quedan agora, ao decaer o seu convenio de referencia, e ao denominado persoal pasivo (xubilación, incapacidade, orfandade e viuvez) informoulles de que procederá á eliminación dos beneficios sociais a partir de xuño.

É unha situación novidosa que unha empresa da dimensión de Endesa (en todo o Estado conta con arredor de 8.000 empregados/as en activo e uns 27.000 pasivos) quede sen convenio. Porén, o feito de que Enel se poida aproveitar do actual marco legal (que limita a ultraactividade dos convenios a un ano) para deixar sen convenio de referencia a miles de traballadores e traballadoras é tamén responsabilidade do Goberno que aprobou a reforma laboral e de quen non a derrogou.