Persoal da cafetería da Xunta de Galiza, en San Caetano, reclama o cumprimento do convenio
Persoal da cafetería do edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano, en Compostela, concentrouse este martes para denunciar os graves incumprimentos do convenio, por parte da empresa concesionaria, Grupo Baiuca, e as constantes irregularidades en materia de lexislación laboral que se cometen. Unha situación que deriva nunha grave precariedade para o persoal e que padecen especialmente as traballadoras e traballadores que reclaman o cumprimento da legalidade e os seus dereitos laborais.
Gerardo Pablo Caramés, delegado da cafetería, denuncia, entre outras cuestións, que a empresa acometeu unha baixada “unilateral e ilegal” das bases de cotización de todo o cadro de persoal e que incumpre, de forma reiterada o convenio de hostalería. “Fan mal o pago de salarios, con numerosos erros nas nóminas e acumulando débedas con todo o persoal que está en ERTE a tempo parcial”.
Tal é a situación que o Grupo Baiuca deixou de facer o pago das nóminas a través de transferencia bancaria e pasou a facelo en efectivo e en man. Deste xeito, segundo explica Caramés, o persoal vese obrigado a asinar a nómina antes de recibir o pago en efectivo o que implica que, despois, non poden reclamar cantidades. A isto engade, ademais, a denuncia de ameazas ao persoal que non quere asinar a nómina, por ser inferior ao que corresponde.
O delegado de persoal asegura que mesmo traballadores/as que están de baixa teñen que achegarse para poder cobrar, xunto co feito de que a empresa, en canto un traballador ou traballadora comunica a baixa é pasado inmediatamente ao ERTE.
Ao ERTE como castigo
Ademais, denuncia Caramés, estase “utilizando o ERTE parcial, que actualmente ten a empresa, coa finalidade de castigar aos traballadores e traballadoras que reclaman os seus dereitos”. Indica que para equilibrar a precaria situación económica do cadro de persoal propúxoselle ao empresario que o ERTE parcial fose rotatorio, cuestión que tampouco foi aceptada.
A isto engade a mala xestión da documentación que a empresa entrega no SEPE, o que provocou que haxa persoal que ten acumuladas débedas de catro meses de prestación, e a negativa a negociar as que considera “xustas reivindicacións do cadro de persoal”.
Por iso coa concentración convocada para hoxe -na que fixeron sonar a viva voz a Boney M para chamar a atención do persoal laboral e funcionario que utiliza a diario a cafetería- exixían unha inmediata rectificación na actuación do empresario, mais tamén demandaron da Xunta de Galiza “que adopte as medidas oportunas para evitar que empresarios deste tipo non poidan xestionar concesións públicas”.
O persoal anuncia que de non se corrixir esta situación de forma inmediata “convocaremos folga neste centro de traballo”.