
Persoal da área sanitaria de Vigo demanda máis seguridade nos postos de traballo

Persoal da área sanitaria de Vigo mobilizouse hoxe no Álvaro Cunqueiro en solidariedade coas persoas traballadoras agredidas física e verbalmente o pasado xoves no hospital e para demandarlle á Xerencia a adopción de medidas urxentes de carácter preventivo ante o aumento deste tipo de incidentes.

A mobilización desenvolveuse na entrada principal do centro médico a partir das 11:00 horas ao berro de “Non non non, ás agresións” e “Máis seguridade nos postos de traballo”. A presidenta da xunta de persoal, Pilar Rodríguez, interveu ao final da protesta para rexeitar “todo tipo de violencia” contra o persoal do sector e para anunciar que o órgano de representación das persoas traballadoras vai ter “tolerancia cero” coas agresións “tanto físicas como verbais”. De xeito que a partir de agora convocará mobilizacións ao día seguinte de que se rexistren incidentes deste tipo.
Rodríguez demandou da Xerencia da área sanitaria viguesa a adopción de medidas urxentes de carácter preventivo para evitar agresións e poder traballar con seguridade “xa que só con protocolos de resposta posterior non chega”. Finalmente, advertiu sobre o feito de que os datos amosan un “aumento alarmante” deste tipo de casos e sinalou a importancia da que o persoal afectado comunique o suceso “porque o que non comunicamos non existe”.