Pensións: a mobilización é a nosa garantía

Andrea Uña, Patxi Fernández e Mikel de la Fuente - 23 Abr 2021

Cada día que pasa sen garantir un sistema público de pensións dignas e suficientes redúcense as súas contías e acelérase a posta en práctica dos recortes provenientes da reforma de 2011. Cada día que pasa sen derrogar as reformas tanto laborais como de pensións aumentan a precariedade, a desigualdade e a pobreza

 A cuarta rolda do Pacto de Toledo contén, non só polo que di senón tamén polo que omite -por exemplo, o mantemento da reforma das pensións de 2011 e do factor de sostibilidade, só suspendido até o 2023-, numerosos elementos regresivos sobre as pensións públicas á vez que propón reforzar as pensións privadas.

 Na súa recente comparecencia no Congreso dos Deputados, o ministro J.L. Escrivá anunciou a intención do Goberno español de empeorar as Recomendacións do Pacto en varios aspectos, modificando lixeiramente as súas propostas iniciais para facelas algo máis "dixeríbeis". Aquí imos analizar as que irían nunha primeira fase, deixando para máis adiante as do segundo bloque.

 O Pacto de Toledo propuxo a volta ao criterio do IPC anual para a revalorización das pensións. O Goberno español pretende substituír o método da previsión de inflación polo IPC do ano anterior. Até o de agora, nos escasos anos en que a inflación real era inferior á prevista, producíase un pequeno aumento do poder adquisitivo das pensións. Para o evitar, cando a inflación sexa negativa as pensións quedarán conxeladas, coa única excepción das pensións mínimas, e a diferenza será absorbida nos tres anos seguintes. Iso supón pechar toda posibilidade de mellorar o poder adquisitivo das pensións e, tamén, de recuperar o perdido entre o 2013 e o 2017 (cando se aplicou o 0,25%). Mentres que o Pacto propón a “mellora e preservación das pensións mínimas", nos anos 2020 e 2021 estas aumentaron na mesma contía (o 0,9%) que o conxunto das pensións, o que supón un cambio coa práctica de aumentalas en contía superior. Ignórase desta forma a reivindicación do movemento pensionista de fixar o seu importe en 1.080 euros, conforme aos criterios da Carta Social Europea.

 Co fin de alongar a idade efectiva de xubilación, nestes momentos de 64,6 anos, para que coincida coa idade legal, o Ministro defendeu, contra toda evidencia e con base na utilización de datos á marxe de calquera rigor científico, que a maior participación dos maiores no mercado de traballo aumenta as oportunidades de emprego dos mozos, negando a causalidade obvia entre o atraso na idade de xubilación e as dificultades da xente nova para entrar e consolidarse no mundo laboral. Basearse no dato de países con maiores taxas de emprego sénior que teñen, á vez, menos desemprego, sen facer referencia ás súas menores taxas de paro, maior crecemento e características do seu mercado laboral, esquecéndose ao mesmo tempo, do caso do Estado español onde, entre 2010 e 2019, a taxa de actividade das e os traballadores maiores pasou do 45% ao 57% mentres que o desemprego xuvenil dobrou, pasando do 23% ao 45%, vai máis aló da simple frivolidade para se converter nunha falsificación interesada.

 Para alcanzar o obxectivo de aumento da idade efectiva de xubilación propón un sistema de incentivos e desincentivos. Así, prohibir que se fixe a xubilación forzosa nos convenios colectivos. Un cambio das penalizacións nas xubilacións anticipadas voluntarias en función do tempo de anticipación, que pasará a computarse non por trimestres senón por meses. Gran parte de quen se xubila malia os recortes sufriu condicións de traballo moi duras (ás veces durante máis tempo que o necesario para cobrar a pensión cunha porcentaxe do 100%) e non está con forzas para seguir en actividade. Mentres que o Pacto de Toledo fixaba un prazo de tres meses para presentar un estudo sobre a xubilación anticipada sen penalizacións para quen traballase 40 ou máis anos, atrásase até o 2022 a entrega deste, sen compromiso ademais de aceptar esa reivindicación do movemento pensionista. Os recortes desde xa, as posíbeis melloras para o futuro. Por outra banda, propón que o coeficiente redutor se aplique non sobre a base reguladora senón sobre o salario, co fin de que os salarios máis altos vexan reducida a súa pensión.

 Outro elemento é o aumento da contía dos "premios" por demorar a xubilación, mediante un aumento das porcentaxes actuais e dunha indemnización por ano de atraso que pode alcanzar máis de doce mil euros no caso das pensións máis altas. Preténdese así que a maior compensación por demorar a xubilación dos salarios máis altos vaia acompañada dunha maior penalización destes se se xubilan anticipadamente. Esta medida favorecería a quen ten traballos menos duros e a quen xa ten incentivo de permanencia se percibe un salario máis elevado que a pensión máxima. De se aprobar, suporía outro atranco para o acceso ao emprego da xente nova, o que acentúa a súa regresividade Tamén aquí fica en simple constatación a referencia do mesmo Pacto de Toledo sobre "as crecentes dificultades que as persoas novas atopan para ocupar e conservar un posto de traballo".

 Cada día que pasa sen garantir un sistema público de pensións dignas e suficientes redúcense as súas contías e acelérase a posta en práctica dos recortes provenientes da reforma de 2011. Cada día que pasa sen derrogar as reformas tanto laborais como de pensións aumentan a precariedade, a desigualdade e a pobreza. A garantía para conseguir as nosas reivindicacións é a mobilización e por iso tal como propuxo o Movemento de Pensionistas de Euskal Herria hai que impulsar unha ampla resposta o próximo mes de maio para garantir o sistema público de pensións. Desde as plataformas de pensionistas dos diferentes pobos do Estado temos que coincidir na data para esixir do Goberno e do Congreso e tamén dos gobernos e parlamentos autonómicos que garantan pensións decentes para todas e todos. O movemento pensionista de cada pobo do Estado debe decidir o modelo de mobilización e a forma de xestionala para que sexa un éxito. A fortaleza desta proposta non está na uniformidade do movemento pensionista de todos os pobos senón na acción compartida desde o respecto á autonomía e á pluralidade de cada un deles.

 Gobernar quen gobernar, as pensións públicas deféndense.

 

[Artigo tirado do sitio web Público, do 23 de abril de 2021]