Delegados e representantes da CIG péchanse na patronal coruñesa polo bloqueo á negociación do convenio do transporte en autobús

A Coruña - 18 Feb 2026

Delegados e delegadas da CIG no transporte de persoas por estrada e membros da central nacionalista, entre os que está o secretario xeral, Paulo Carril, protagonizaron un peche na sede da patronal na Coruña en protesta polo bloqueo á negociación colectiva e a falta de reunión da mediación. O encerro comezou por volta das 11 da mañá e tras máis de dúas horas levantaron a medida de presión tras a ameza do desaloxo por parte da policía.

Hai que lembrar que na última xuntanza do pasado 12 de febreiro, concluíse que no prazo de 24 horas a patronal enviaría unha contestación á proposta que CCOO puxo enriba da mesa, porén, case unha semana despois, e ignorando as regras da mediación, o empresariado continúa dilatando todo o proceso negociador e dando mostras da súa mala fe.

Para a CIG estamos ante un paso máis no disparate e a irresponsabilidade patronal na súa vontade por impoñer un acordo que foi rexeitado polo 70% do persoal nun referendo vinculante para todas as partes. Esta nova actuación empresarial súmase a todas as demais vividas dende o comezo do conflito, co único obxectivo de bloquear a negociación, dinamitar o procedemento de mediación con manobras dilatorias e deixar a CIG á marxe.

Ademais, esta actuación constitúe unha descarada ruptura dos procedementos da mediación laboral e do espírito do AGA, agravada co recoñecemento por parte da patronal de que mantén aberta unha negociación con CCOO fóra deste marco. Nun contexto no que UGT abandonou a mediación, tras anunciar que traballa para asinar un convenio de eficacia limitada.

Todos estes movementos non teñen outra finalidade que imporlle ás traballadoras e aos traballadores un acordo que rexeitaron de maneira contundente por insuficiente e, sobre todo, por recortar dereitos que xa teñen recoñecidos no convenio e por obviar o colectivo de acompañantes.

Manifestación este domingo en Compostela

A CIG ten convocada unha manifestación para o vindeiro domingo, 22 de febreiro, con saída ás 12 horas da estación de Santiago de Compostela para exixir o desbloqueo da negociación e un convenio digno para o sector.