Pastoriza: “Avanzan as negociacións do convenio de ambulancias, a folga está dando resultados”
Este luns, coincidindo co inicio da terceira quenda de folga convocada no sector de ambulancias, celebrouse unha xuntanza da mesa negociadora do convenio na que, segundo avalía o responsábel do sector de Transportes da CIG, “a folga está dando resultados” porque houbo un avance nas negociacións que aínda é insuficiente, porque non se recupera o poder adquisitivo perdido que se foi acumulando nos tres anos sen convenio.
A oferta da patronal avanza até chegar a un incremento do 4% para novembro deste ano; o 3% en novembro de 2020; o 1% en xaneiro de 2021; o 1% en 2022; a metade da terceira paga extra en 2021 e enteira en 2022. Unha oferta que Pastoriza considera mellor que a anterior pero que “segue sen contemplar a recuperación do poder adquisitivo perdido desde 2015”.
O responsábel do sector de Transportes da CIG sinala ademais que a oferta cínguese ao aspecto económico e que aínda que xa se abriu o debate sobre o contrato en prácticas, aínda non se lle deu solución. Un contrato que está provocando un incremento adicional de precariedade por mor dos baixos salarios cos que as empresas pagan a estes traballadores, nun 60% inferiores aos dos compañeiros e compañeiras do sector.
Tampouco se entraron a valorar aínda as condicións laborais en cuestión de prevención de riscos. A este respecto Pastoriza reclama que se recolla a obrigatoriedade de que vaian dous traballadores/as cando haxa padiola, unha cuestión que no transporte Programado non está contemplada.
Sinala ademais que a prevención de riscos é esencial porque malia a media de idade das traballadoras e traballadores ser de entre 40-45 anos, neste sector hai un 13% de baixas, por problemas musculo-esqueléticos, cando a media en Galiza é dun 5%.
A próxima xuntanza celebrarase o día 13, data na que o responsábel da CIG agarda que continúen os avances para garantir unhas condicións salariais, laborais e sociais dignas para todo o persoal do sector e para mellorar o propio servizo. Entre mentres, a folga continúa.