Paros en Constellium Automotive polo cumprimento do convenio e por melloras laborais
O cadro de persoal de Constellium Automotive Spain, empresa auxiliar da automoción con sede no polígono porriñés da Granxa, iniciarán venres 14 un calendario de paros parciais nas distintas quendas de traballo para reclamar o cumprimento do convenio colectivo e demandar melloras salariais e laborais.
Dende a CIG-Industria de Vigo explican que o comité de empresa, integrado por cinco delegados/as da central, tratou de pactar coa dirección melloras salariais e nas condicións de traballo, cumprindo o mandato adquirido nas asembleas de traballadores/as.
Dende o mes de setembro celebráronse varias reunións nas que a compañía, ademais de negarse a facilitar a documentación sobre o rexistro de xornada, prevención de riscos, formación e calendario laboral, négase a chegar ningún tipo de acordo sobre clasificación profesional e regulación da produción, “dedicándose en todo momento a entorpecer e a dilatar a negociación”.
En consecuencia, aos empregados/as non lles queda outra opción que a convocatoria de mobilizacións para forzar a empresa a asinar un acordo satisfactorio para ambas as partes. Deste xeito, os paros comezarán este venres 14 e continuarán os días 17, 21, 24, e 28 de abril. Na quenda de noite desenvolveranse de 2:15 a 4:15 horas; na de mañá de 10:15 a 12:15 horas; e na de tarde de 18:15 a 20:15 horas.