Paro total en Denso na primeira xornada de folga contra os incumprimentos do convenio
A totalidade do cadro de persoal de Denso, empresa do sector da automoción con sede no polígono vigués de Valadares, secundou hoxe a primeira xornada da folga indefinida convocada para rexeitar os incumprimentos do convenio colectivo. Dende o comité denuncian que a dirección vulnera dende hai anos os acordos en materia de rotación de postos de traballo e de contratacións.
A folga paralizou por completo a actividade na compañía como consecuencia do seguimento por parte de todos/as os traballadores/as, que se concentraron ás portas da fábrica dende as 6:00 horas. Dende o comité de empresa (7 CIG, 2 USO, 1 CUT e 1 CCOO) explican que a convocatoria, que se decidiu por unanimidade de todos os membros, ten por obxectivo forzar a dirección a cumprir o convenio colectivo en vigor (2017-2019).
En concreto, no que ten que ver coa rotación dos postos de traballo, xa que o acordo establece que deberá de facerse cada dúas horas para mitigar a fatiga laboral. “Pois despois de tres anos de convenio a rotación faise cada catro horas, cando dende 2018 tíñase que estar facendo cada dúas”.
Mais tamén con respecto á contratación, xa que o convenio recolle o persoal das quendas de traballo de día (mañá e tarde) ten que ser contratado directamente por Denso. “Pero neste tempo o incumprimento deste artigo foi constante a pesar das denuncias feitas polo comité”.
Novo convenio
Ao mesmo tempo, a representación do persoal e a dirección levan dende o mes de maio negociado un novo convenio colectivo, “conversas que non avanzan o máis mínimo nin nos puntos anteriores de cumprimento de convenio nin nas demais materiais de negociación, como a redución de xornada, a actualización salarial e as vacacións”.
As partes tampouco se poñen de acordo non que ten que ver con categorías profesionais, reforzo dos postos de mantemento, calidade e team leaders, cambio de mutua de accidentes laborais “por maltrato continuado aos traballadores/as”, tempos ou métodos de produción. Con todo, as negociacións continúan abertas dende este mesmo martes ás 16:00 horas.