Outono quente, acelerando cara á tempestade perfecta

Gonzalo Fernández Ortiz de Zárate e Juan Hernández Zubizarreta - 24 Set 2021

O programa europeo de recuperación e resiliencia, ademais de se formular politicamente como unha versión actualizada dos Pactos da Moncloa para evitar toda disidencia e contestación, é en termos económicos un programa de rescate de grandes empresas e fondos estruturado en torno ao novo relato do capitalismo verde e dixital

 Avecíñase un outono económico quente con base nunha serie de dinámicas que inciden de xeito directo na carestía de produtos estratéxicos como a enerxía, as materias primas e a vivenda, dificultando aínda máis a xa de seu precarizada reprodución das nosas vidas. Aínda que algunha destas dinámicas podería ter un carácter conxuntural e contextualizado, outras parecen ser a semente de posíbeis estouros futuros, tanto ecolóxicos como financeiros, dentro da crise global en que estamos sumidos.

 Esta última vai tomando forma de “tempestade perfecta”, tanto pola súa complexidade como polo seu carácter inédito na historia do capitalismo, ao conxugar catro fenómenos de relevancia estrutural: unha acumulación de capital gripada sen visos de se superar, un endebedamento público e privado insostíbel, unha mudanza climática desbocada, e o manifesto esgotamento de materiais e enerxía fósil. Todo iso, ademais, no marco dun modelo de gobernanza tendente ao autoritarismo, liderado polas empresas transnacionais.

 As políticas de recuperación impulsadas para enfrontar esta situación, malia o relato de crecemento, transición e inclusión que prometen, non actúan significativamente na tempestade perfecta. Ao contrario, mesmo a aceleran, alimentando dinámicas de depredación e endebedamento que ben poderían agravar a situación, mentres ceban un poder corporativo que nos dirixe directamente ao centro da devandita tempestade. En consecuencia, ben fariamos en mobilizarnos en favor dun cambio radical de rumbo que atenda os sinais de alerta que nos ofrece o actual cuadrimestre sobre o futuro que se nos vén enriba.

Outono quente

 Comecemos polo principio. Se a  precariedade vital é xa unha realidade palpábel e crecentemente estendida, o horizonte económico a curto prazo fai presaxiar o seu profundamento, con base na conjunción de tres dinámicas que están tendo e terán un impacto directo nos nosos petos. Salientamos en primeiro lugar o encarecemento exponencial da enerxía, que ten no Estado español unha primeira manifestación no prezo da electricidade. O seu incremento é froito tanto do maior custo do gas natural e os dereitos de emisión, como das características propias do mercado oligopólico no que se poxa esta forma de enerxía final. Este fenómeno, que se vén dando durante todo o verán, supera marcas case de xeito diario e parece non se deter, até o punto de triplicar xa o seu prezo respecto de 2020.

 De xeito complementario, a suba do prezo da enerxía fósil en toda a Unión Europea (UE) redundará neste incremento eléctrico, como consecuencia da política aprobada o pasado xullo en favor dunha drástica redución das emisións contaminantes. Aumentarase así a carga fiscal sobre gasolina e diésel, á vez que se inclúe o transporte e os edificios dentro dos mercados de emisións. En conxunto, producirase un aumento significativo do custo da enerxía e o transporte -nun contexto previo de encarecemento do barril de petróleo-, cuxa escala dependerá precisamente da dinámica incerta e especulativa dos devanditos mercados vinculados aos permisos de contaminación. En todo caso, a Comisión ve plausíbel un escenario no que se xere unha suba de até o 22% na calefacción con fuel-oil, ou do 12% na gasolina.

 En segundo termo, consolídase tamén unha dinámica global de encarecemento das materias primas e os alimentos, así como do transporte marítimo internacional de produtos (medio a través do cal se distribúe o 80% dos bens mobilizados a escala global). Neste sentido constátase unha suba do 40% no millo, 17% no trigo, 28% na cebada e 26% na soia. Á súa vez, tamén se evidencia un aumento no prezo dos fertilizantes químicos, hoxe imprescindíbeis para a agroindustria. A fotografía complétase co fabuloso acelerón no custo do transporte internacional por mar que, por poñer só un exemplo, viu multiplicado por dez o prezo de mover un contedor entre China e Estados Unidos respecto dos tempos pre-pandémicos. Trátase de custos que, tarde ou cedo, serán trasladados ao prezo da cesta básica, nun sistema baseado fundamentalmente na primacía das cadeas económicas globais.

 A terceira dinámica inflacionaria que caracterizará este próximo outono é a da vivenda. O seu prezo tamén se está incrementando no Estado español, no marco dunha nova burbulla inmobiliaria liderada pola banca, grazas ás multimillonarias inxeccións de liquidez do Banco Central Europeo (BCE). Consolídase así este sector como refuxio de particulares e fondos de investimento, fundamentalmente con base en novas vivendas e segundas residencias costeiras. A derivada desta burbulla nos alugueiros é evidente, tanto pola recuperación progresiva da mobilidade como pola consideración da vivenda como o investimento máis seguro nun contexto de incerteza.

 En definitiva, asistiremos no outono a unha espiral inflacionista que afecta de xeito directo a necesidades básicas de todos e todas (enerxía, materias primas e vivenda), cun impacto salientábel en termos de precariedade, pobreza enerxética e non sostibilidade da vida, nomeadamente dos sectores máis vulnerábeis. Ao mesmo tempo, aínda de xeito desigual, a súa incidencia será tamén relevante sobre unhas pemes e autónomos xa castigadas pola crise.

 En todo caso, este conxunto de dinámicas responden a causas diversas e de diferente escala. Se a suba exorbitada da electricidade se circunscribe nestes momentos ao marco estatal, o incremento do prezo do transporte marítimo vincúlase co confinamento de 2020 e as sacudidas dunha pandemia que permanece aínda moi activa en termos globais, tal e como reflicte o recente peche temporal de fábricas e portos en China. No entanto, trátase estritamente de fenómenos contextualizados e de carácter conxuntural, ou ben poderían estar vinculados e mesmo anticipar novos estouros dunha crise sistémica que xa se manifestou en 2008 e cuxa dinámica segue plenamente vixente?

Tempestade perfecta

 Malia a miopía habitual da análise económica ortodoxa, seguimos inmersos na crise global máis complexa que o capitalismo sufriu na súa historia, agravada ademais pola pandemia. Falabamos neste sentido dunha “tempestade perfecta”, provocada pola interacción de catro fenómenos de carácter estrutural que se desenvolven en marcos temporais diversos pero actualmente compasados.

 O primeiro deles está relacionado co magro desempeño da taxa de ganancia empresarial, que impide iniciar unha nova onda expansiva de acumulación de capital e crecemento sostido. Nin a economía dixital -a grande esperanza hoxe en día do capitalismo- nin a continuada ofensiva sobre o traballo foron capaces de provocar os incrementos de produtividade e rendibilidade necesarios para dar forma ás devanditas ondas virtuosas e xeneralizadas de investimento, emprego e consumo.

 O resultado é un capitalismo estancado, cuxo réxime de acumulación presente -a globalización neoliberal- mostra signos evidentes de esgotamento, como testemuñan a crise dos semicondutores ou o relativo cuestionamento da deslocalización e a subcontratación nas cadeas globais de valor, por poñer só dous exemplos. Non se albisca a fórmula para xerar vieiros estábeis de incremento da taxa de ganancia, a produtividade, a formación de capital e o emprego (indicadores verdadeiramente relevantes para unha suposta recuperación, non así o simplista e curtopracista análise do crecemento conxuntural en 2021 de diversos ítems respecto da hecatombe do ano anterior).

 O segundo fenómeno que alimenta a crise actual é a financeirización da economía, exemplificada nun inxente endebedamento público e privado. O estancamento sistémico da economía produtiva foi o marco propicio para o crecemento dunhas finanzas que hoxe impoñen a súa identidade ao conxunto do capitalismo, tanto polo seu tamaño (moi superior ao conxunto da economía mundial de bens e servizos) como polo poder político e económico acumulado polas “finanzas na sombra”, isto é, enormes fondos de investimento (só BlackRock acumula investimentos por valor do 10% do PIB mundial) que operan de xeito absolutamente desregulado e en practicamente todos os sectores e grandes empresas.

 Cronifícase e consolídase así unha dinámica económica opaca, curtopracista e especulativa, que alimenta a posibilidade de estouros como o de 2008. A enorme débeda global -que en 2020 supoñía xa o 365% do PIB planetario- é un caldo de cultivo perfecto para os devanditos estouros, ao mostrarse extraordinariamente sensíbel á mínima alteración de calquera parámetro económico, como os tipos de xuros ou a inflación.

 O terceiro e cuarto fenómenos da tempestade perfecta están relacionados co marco ecolóxico no que opera o sistema económico. Por unha banda, asistimos a un cambio climático desbocado, tal e como expón ás claras a filtración do Sexto Informe do panel de expertos de Nacións Unidas (IPCC), que ten na COP 26 de Glasgow en novembro próximo o seu horizonte de debate. Este informe afirma que as emisións contaminantes deberían tocar teito en catro anos se non nos queremos ver abocados ao funesto escenario dun incremento posibelmente moi superior aos 2 graos na temperatura planetaria. Ao mesmo tempo, e en consecuencia, asegura que as posibilidades de crecemento económico neste contexto son exiguas, nunha clara mensaxe á liña de flotación dun capitalismo que só se sostén sobre a acumulación incesante.

 Doutra banda, pechando o círculo e convertendo definitivamente a tempestade en furacán, o esgotamento de materiais estratéxicos e enerxía fósil reduce sen paliativos a base física que nutre o capitalismo. Por exemplificar esta realidade dun xeito sinxelo e centrada no ámbito enerxético: un estudo de British Petroleum (BP) publicado en 2018 afirmaba que o 90% da enerxía primaria que se consumía no mundo era de orixe fósil: petróleo, que xa superou o seu pico en 2005; gas, que o fará nesta década; carbón e uranio, ambos en fase de declive. Ao mesmo tempo, afirmaba que a electricidade só supoñía o 20% da forma final de enerxía consumida, fronte a outras fórmulas derivadas do petróleo ou en forma de calor industrial. Deste xeito, se as enerxías renovábeis xeran fundamentalmente electricidade, o baleiro que deixarán os recursos fósiles non poderá ser substituído sen unha redución drástica do consumo.

 Ante esta tesitura, e na medida que se vaia avanzando no esgotamento destes recursos, estamos abocados a un devir errático dos seus prezos. Este ben podería adoptar un modelo de “dentes de serra”, que combina importantes subas e baixadas en función da conxuntura concreta, dentro dun horizonte tendencial de encarecemento.

 Con todo iso, paira sobre as nosas vidas unha tempestade perfecta, tanto pola chea de fenómenos estruturais articulados que a alimentan como polo seu carácter paradoxal, que impide a súa resolución dentro do marco do capitalismo. A hipotética solución a un deles significaría o agravamento inmediato dalgún ou algúns dos restantes, facendo inútil o esforzo.

 Se se prioriza de verdade a loita contra a mudanza climática e a transición ecolóxica, imposibilítase o crecemento, chave do capitalismo. Se se enfatiza a acumulación de capital, tense que buscar como incrementar de xeito notábel e xeneralizado a produtividade (non hai expectativas respecto diso), que base enerxética e material a sosterá (con base en maiores emisións e nunha especie de fascismo ecolóxico no uso de enerxía e materiais) e como se lexitimará politicamente (cando se evidencia que a teoría da relación entre ganancias empresariais e benestar social fai augas por todas as partes). Se se mantén a aposta especulativa como fórmula para manter os sinais de identidade do capitalismo, enfrontaremos novos estouros financeiros, para os cales se dan actualmente todas as condicións.

 Así, parece non haber escapatoria para o principal reto que enfronta o capitalismo: tentar medrar con menos recursos físicos e materiais (cousa que non fixo en toda a súa historia), e facelo ademais nun marco ecolóxico extremadamente vulnerábel, economicamente inestábel e politicamente pouco democrático, baixo a hexemonía do poder corporativo. Vexamos a continuación se as dinámicas antes expostas para o outono quente poderían ter ou non un correlato cunha aceleración e anticipación de novas manifestacións desta tempestade perfecta.

Un outono quente que acelera e anticipa a tempestade perfecta

 Volvendo ao comezo, pensamos que máis aló de fenómenos contextualizados e conxunturais vinculados á espiral inflacionista que chega, o outono que se aveciña anticipa un agravamento da crise actual en forma de novos estouros, polo menos por dúas vías complementarias.

 Por unha banda, salientamos a relación directa entre a espiral inflacionaria e a inestabilidade financeira. A suposta estabilidade macroeconómica de 2020 e 2021 sostívose sobre unha inflación practicamente nula, que permitiu manter os tipos de xuros moi baixos -mesmo negativos-, garantindo a respiración asistida de grandes empresas, Estados e fogares ultraendebedados. Porén, a inflación prevista para o outono, que xa se está empezando a notar a escala global -nomeadamente en Europa e os Estados Unidos-, podería facer saltar polo aire ese precario equilibrio, incrementando os tipos de xuros.

 O resultado deste proceso, por pequeno que for, ben podería tornar en impagábel o volume de débeda actual, espertando en consecuencia a besta financeira en forma de movementos especulativos masivos, ataques a moedas soberanas, burbullas inmobiliarias acrecentadas, etc., fonte xa que logo de novos estouros financeiros. Se, como parece, en 2023 se reactiva o Pacto de Crecemento e Estabilidade na UE, a crise de débeda pública e o regreso aumentado das políticas de austeridade están aseguradas.

 Por outra banda, tamén hai un vínculo estreito entre o incremento dos prezos de enerxía e materias primas en proceso de esgotamento, as expectativas de crecemento e a inestabilidade financeira. A espiral inflacionaria do outono podería ser xa o reflexo do errático comportamento dos prezos enerxéticos e das materias primas en forma de dentes de serra.

 Como afirma Jason W. Moore, o capitalismo só opera de xeito estábel se conta cun marco de “catro baratos”: forza de traballo, enerxía, alimentos e materias primas. Se non é así, tal e como parece, a taxa de ganancia retráese, facendo fraquear aínda máis a acumulación de capital e o crecemento, e aumentando en consecuencia a presión financeira. O aumento do prezo das materias primas xerado a partir de 2003 anticipou o crash de 2008, polo que hoxe poderiamos estar nun escenario similar, sendo o incremento do prezo da enerxía e as materias primas unha especie de xerme dun novo estouro.

 Asumindo a diversidad ede causas e escalas que inciden na espiral inflacionista que chega, cremos que a axenda económica deste outono ten pousos estruturais que hai que atender, como anticipo dunha profunda agudización da tempestade perfecta que se cingue sobre as nosas cabezas.

 Nesta liña, pode ser a miríade de políticas de recuperación impulsadas a todos os niveis a resposta que necesitamos? Lamentabelmente, pensamos que non.

 En primeiro lugar, a expansión cuantitativa vixente desde 2010 e acelerada coa pandemia inxectou de xeito masivo liquidez para rescatar empresas e Estados, engordando fundamentalmente burbullas e movementos especulativos, base de posíbeis estouros financeiros.

 En segundo termo, o programa europeo de recuperación e resiliencia -e os seus complementos estatais e subestatais-, ademais de se formular politicamente como unha versión actualizada dos Pactos da Moncloa para evitar toda disidencia e contestación, é en termos económicos un programa de rescate de grandes empresas e fondos estruturado en torno ao novo relato do capitalismo verde e dixital, con base en investimentos desesperados e moi arriscados (hidróxeno, automóbil eléctrico, etc.), que en ningún caso van á raíz do necesario cuestionamento do crecemento, a hexemonía dos mercados globais e o protagonismo do poder corporativo como formas de evitar a tempestade perfecta.

 Todo iso, ademais, incorpora unha cara b en forma de crecemento da débeda (só en xuño a débeda pública española se incrementou case 30.000 millóns, fronte ao anuncio dun primeiro desembolso europeo de 9.000 millóns), así como de reforma laboral e de pensións no caso do Estado español.

 Para rematar, as políticas complementarias de mitigación que se impulsan (fondo de 72.000 millóns da UE para mitigar os impactos da suba da enerxía fósil, o mantemento dos ERTE e a subida do SMI no caso español) non son suficientes para a dimensión e escala do momento que enfrontamos.

 Ao contrario, parecen máis ben construírse sobre escenarios irreais de recuperación e crecemento (unha “conta da vella” na que se acumulan fortes incrementos do PIB, ingresos fiscais, empregos, etc.), mentres aceleran os fenómenos que definen a crise actual: afondar os problemas de débeda de empresas, estados e fogares; manteñen a éxida insostíbel do crecemento e engordan a un poder corporativo protagonista absoluto das súas políticas, fortalecendo así as dinámicas de concentración e centralización do capital, facendo aínda máis asimétrica a disputa entre intereses das grandes empresas e o interese dos pobos e a clase traballadora.

Por unha viraxe profunda

 Miremos para onde miremos, a tempestade perfecta segue sobre as nosas cabezas. Mesmo se está acelerando e engordando coas políticas que hoxe se venden como unha viraxe neokeynesiana, verde e dixital, pero que en realidade non é senón unha adaptación desesperada para manter un capitalismo ferido que nos conduce ao abismo.

 Necesitamos, en sentido inverso, xerar unha ampla mobilización popular en torno a unha axenda radical e de confrontación respecto das elites, non sostida unicamente sobre a articulación de forzas progresistas como resposta á extrema dereita, que poña no centro a materialidade e as expectativas da clase traballadora e dos pobos para evitar seguir avanzando cara ao centro da tempestade perfecta.

 Deste xeito, como base dunha axenda completa, habería que comezar pola priorización da loita contra a mudanza climática e a transición enerxética desde un cuestionamento profundo dos parámetros capitalistas, así como desde unha perspectiva internacionalista e de xustiza social.

 Para tamaña tarefa, non só podemos quedar en procesos de mitigación social ou de redistribución de certos recursos, senón que necesitamos igualmente recuperar e actualizar a axenda do dereito á propiedade colectiva dos medios de vida: enerxía, banca, dixitalización e coidados poden ser a panca inicial para restituír poder popular.

 Ao mesmo tempo, en consecuencia, convértese en estratéxico desmantelar o poder corporativo e a arquitectura de impunidade na que este opera. A nova vaga de tratados comerciais, os tribunais de arbitraxe, a OMC, o FMI e os proxectos nidiamente corporativos como a Unión Europea requiren ser respondidos con firmeza, á vez que avanzamos en procesos de regulación e control das grandes empresas a todos os niveis.

 Estas poderían ser algunhas das bases para provocar ese cambio profundo de ritmo. Aínda estamos a tempo, pero cada vez temos unha marxe máis estreita. Mobilicémonos, atendamos os sinais de alerta do outono, está en xogo todo.

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 15 de setembro de 2021]