O metal en loita: o persoal maniféstase polas rúas de Ourense en demanda dun convenio digno
Unhas 1500 persoas manifestáronse na tarde do luns polas rúas de Ourense en demanda dun convenio colectivo digno para os traballadores e traballadoras do metal da provincia e para demandar da patronal que abandone as súas posturas inmobilistas e desbloquee a negociación colectiva.
"A participación tanto na folga como nos piquetes e as mobilizacións cada día é máis ampla", subliñaba ao inicio da manifestación o secretario da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez, quen valorou moi positivamente o resultado da folga indefinida que arrancou o pasado 5 de outubro (e á que hai que sumar as dúas xornadas previas dos días 28 e 29 de setembro).
Gómez apuntou ao seguimento maioritario que está rexistrando á folga entre o persoal do sector, polo que apelou á patronal do metal "a tomar nota, sentar negociar con afán real de chegar a acordo e deixarse de boicotear a negociación". Denunciou que dende o inicio da folga só se produciu unha xuntanza entre as partes na que, ademais, as asociacións empresariais presentaron "unha oferta peor que a que nos tiñan trasladado antes da folga".
Unha patronal intransixente
Para o representante da CIG, nestes momentos é a patronal Acauto, coa compañía Pérez Rumbao á cabeza, quen está bloqueando un acordo definitivo para a sinatura do convenio. Por iso, as mobilizacións tamén chegarán ao salón do automóbil de Ourense, "porque estamos ante unha patronal tan prepotente que en plena folga indefinida anunciou datas para a celebración desta feira, a partir do 14 de outubro".
Pola súa parte, o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas 'Tupi', valorou que "despois de oito días de folga, esta manifestación é unha dignificación da clase traballadora e dos compañeiros e compañeiras que están levando adiante un labor encomiábel: defender os seu dereito á negociación colectiva".
Tupi considerou que a loita do metal de Ourense ten que servir de lección para a propia patronal, que se mantén "nunha postura totalmente intransixente ante unhas reclamacións tan lexítimas como son o incremento salarial ao IPC, evitar a aplicación da reforma laboral no convenio e manter todas as condicións laborais xa recoñecidas".
Estas xustas demandas, engadiu, "levan a que cada día máis e máis traballadores/as se sumen á folga. Porque saben que a loita e a mobilización é a única fórmula para chegar a un acordo de convenio que garanta salarios dignos e dereitos".
Intentos de criminalización da loita obreira
Sobre o desenvolvemento das xornadas folga, Indalecio Gómez quixo denunciar as desproporcionadas actuacións policiais nos piquetes, nomeadamente as cargas no piquete diante da empresa GRI Towers do luns pola mañá e as producidas en Revi o venres pasado. "Só había traballadores e traballadoras que estaban facendo o seu labor informativo, explicándolle aos/ás compañeiros/as cales son os seus dereitos".
Neste senso, criticou as coaccións e as presións que as empresas están a exercer sobre o seu persoal (especialmente o persoal eventual e contratado por ETT) para que acudan aos seus postos, baixo ameaza de despedimento no caso de secundar a folga. "Esa é a verdadeira coacción", aseverou.
Na mesma liña, Gómez rexeitou a campaña de manipulación e criminalización mediática do conflito do metal, que o xornal La Región está a practicar con especial inquina, lanzando acusacións contra o secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, que están sendo analizadas pola asesoría xurídica da central sindical.
Denuncia que con este tipo de informacións sesgadas se pretende focalizar a folga e reducila a un "conflito meu contra a patronal", minimizando así a exemplar loita do conxunto das traballadoras e traballadores do sector e cun claro afán desmobilizador.
Abundando nesta cuestión, Tupi quixo trasladar unha mensaxe de tranquilidade ao persoal para que sigan pelexando pola dignificación do seu posto de traballo. "Frear esta loita é precisamente a razón de que nos queiran criminalizar", alertou. E por iso, ao igual que aconteceu na folga do metal da provincia da Coruña, instou a continuar na loita até conseguir un convenio digno, no que se recoñeza un incremento salarial igual ao IPC real e no que se recollan auténticas melloras laborais e sociais.