Os traballadores/as de Einsa reclaman a implicación da Xunta para evitar a desfeita laboral do ERE
Os traballadores e traballadoras de Einsa Print arrincaron este martes co calendario de mobilizacións para rexeitar o expediente de regulación de emprego presentado pola empresa para despedir a 162 persoas nas plantas das Pontes (onde está o groso do persoal) e as oficinas de Madrid (na que só traballan 15 persoas).
O persoal levou as súa primeira protesta ás portas do edificio administrativo da Xunta en Ferrol para reclamar a implicación activa do Goberno galego -nomeadamente da Consellaría de Emprego e Industria- na busca dunha alternativa que evite a desfeita laboral que suporía o ERE, nunha localidade tan castigada xa pola desindustrialización e a destrución de postos de traballo como As Pontes.
O presidente do comité, Daniel Pena (CIG), lembrou que Einsa se instalou nas Pontes ao abeiros dos plans de reindustrialización tras o peche da mina e dende entón recibiu máis de 50 millóns de euros en axudas públicas "polo que as administracións non poden quedar caladas ante un despedimento colectivo desta magnitude. É un golpe enorme para a comarca". Salientou que nestes momentos, a empresa é unha das que maior número de persoal fixo ten na localidade.
Nesta liña, o secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal, denunciou que a empresa non investiu estes cartos para actualizar as instalacións aos novos procesos produtivos. Por iso na reunión prevista para esta tarde coa conselleira de Economía e Industria "exixirémoslle á Xunta que traballe arreo para impedir a aplicación deste ERE". Pena engadiu que "imos loitar para que non haxa ningún despedimento"
Paro parcial nas Pontes
A protesta desenvolveuse coincidindo coa folga parcial convocada na planta das Pontes dende as 10h até as 13h, que tivo un seguimento total, e na véspera da xuntanza coa empresa dentro do período de consultas. A representación social reitera a demanda de que as xuntanzas teñan lugar nas Pontes e non en Santiago de Compostela como impuxo a direción, por ser o centro de traballo máis grande e o que sufrirá a maior afectación.
Para o vindeiro xoves, o comité ten previsto manter un encontro con todos os grupos políticos da Corporacións das Pontes e teñen solicitada unha xuntanza similar coa Corporación de Pontedeume (localidade na que Einsa tamén ten instalacións) para exporlles a situación da planta de impresión e solicitar unha fronte común na defensa dos empregos.
Coincidindo co encontro o persoal tamén desenvolverá unha nova concentración.