O persoal de Valoriza Auga, que leva un mes en folga, traslada as súas protestas até o Concello da Coruña
Os traballadores de Valoriza Auga cumpriron no día de onte un mes en folga e hoxe continuaron as protestas en demanda dun convenio digno diante do Pazo de María Pita, a onde levaron as súas reivindicacións aproveitando a reunión do Consello de Administración de EMALCSA, titular da contrata.
A EMALCSA e ao Concello da Coruña os traballadores reiteráronlle a petición para que continúen facendo as xestións necesarias para desbloquear o conflito e avanzar nun acordo para a sinatura do convenio. "Sabemos que están realizando xestións, pero até o momento estas non tiveron resultados concretos na mesa de negociación", apuntaba o secretario comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira.
Filgueira destacou a valentía e a disposición deste colectivo de traballadores que, "aínda sendo un cadro de persoal pequeno está conseguindo botarlle un pulso a unha gran empresa como Sacyr (que é a propietaria de Valoriza Auga) e levar adiante unha folga que xa cumpriu un mes pola recuperación dos seus dereitos económicos".
Salarios conxelados dende 2010
Neste senso, lembrou que o convenio colectivo de Valoriza está sen actualizar dende o ano 2010 e os traballadores levan cobrando o mesmo salario dende hai oito anos, que en moitas categorías non chega nin aos 1.000 euros de salario base. "Pero neste tempo a empresa si que obtivo importantes revalorizacións no prezo da hora pola prestación do servizo para EMALCSA, que nalgún momento chegou a supor o 56% de incremento, mentres que as retribucións do persoal non subiron nin un só euro. Por iso insistimos na recuperación e na readmisión", asevera o representante sindical.
Sobre a readmisión, Xabier Filgueira lembrou que en plena folga, Valoriza procedeu a cesar a dous traballadores eventuais alegando que a fin do seu contrato, "mais hai unha clarísima relación entre esta decisión e o feito de que os traballadores estiveran secundando a folga dende o primeiro día. Por iso entendemos que estes despedimentos son unha represalia, máis aínda se temos en conta o axustado que está o cadro de persoal e que a falta de dous operarios supón non ter traballadores suficientes para prestar o servizo".
Sen data de xuntanza da mesa de negociación
Sobre as negociacións coa empresa, a representación social explica que a última oferta oficial da patronal foi do 2.7% (que parece que estarían en disposición de subir unhas décimas), mentres que a plataforma social reivindica un incremento do 6% para este ano "que permitiría recuperar o salario perdido dende 2010", e o IPC real máis un 0.75% para o ano 2019 e o IPC real máis 1% para 2020.
Sobre as propostas, subliñou que a parte social trasladou xa tres propostas distintas dende o inicio do conflito (a última aínda non tivo contestación por parte da empresa) para tentar desbloquear o conflito, pero "de momento non houbo máis aproximacións, nin está prevista ningunha xuntanza da mesa de negociación".
Ante esta situación, os traballadores continuarán coa folga "até conseguirmos un convenio xusto, uns salarios dignos e que se reincorpore aos compañeiros despedidos".