O persoal de Valoriza Auga cumpre un mes en folga indefinida polo seu convenio
Os traballadores de Valoriza Auga cumpren este mércores un mes en folga en demanda dun convenio colectivo que lles permita recuperar os dereitos e os salarios perdidos nos últimos oito anos. A totalidade do persoal está a secundar a folga de maneira que, dende o pasado 19 de novembro, o mantemento da rede de sumidoiros da Coruña só funciona cos servizos mínimos.
Durante todo este tempo, ademais, os traballadores realizan mobilizacións diarias ben diante das oficinas de Valoriza (no paseo marítimo) demandando o desbloqueo das negociacións, ben diante da Casa da Auga para reclamar a intervención de EMALCSA, na súa calidade de titular do contrato.
Así mesmo, na xornada do xoves 20 de decembro, o persoal concentrarase diante do Pazo de María Pita, a partir das 11:00 horas, coincidindo coa reunión do Consello de Administración de EMALCSA.
Recuperación salarial e readmisión
Ao longo deste mes de folga, a representación social xa presentou tres propostas para avanzar unha solución ao conflito. A última, que aínda non tivo contestación por parte da empresa, vai na liña de recuperar os salarios perdidos e para demandar a readmisión dos traballadores eventuais aos que Valoriza cesou o contrato en pleno conflito. "Estamos pola dobre R: recuperación e readmisión. Iso é o que demandamos, pero a empresa parece que non está pola labor", denuncia o secretario comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira.
"Por iso mañá imos concentrarnos diante do Concello, para demandar de EMALCSA e do Goberno municipal que intensifiquen as xestións coa concesionaria para lograr o desbloqueo definitivo desta situación e permitir avances reais para a sinatura dun convenio digno", aseverou.
Caixa de resistencia e bonos solidarios
Para axudar a soportar o custe económico que conleva un mes de folga, a CIG xa activou a caixa de resistencia e puxéronse en circulación bonos de axuda solidarios co colectivo de traballadores que se poden adquirir no local do sindicato.