Os traballadores de Valoriza Auga cumpren 11 días en folga polo seu convenio
Os traballadores de Valoriza Auga continúan adiante coa folga indefinida, logo de que na reunión mantida este xoves coa empresa non se produciran avances significativos que permitan un acordo para a sinatura do convenio. Como vén sendo habitual, o persoal realizou este venres unha concentración ás portas de EMALCSA, a quen lle piden que continúe realizando as xestións necesarias para desbloquear o conflito.
Na xuntanza de onte, explica a representación social, a empresa formulou unha nova proposta económica "totalmente insultante e que mesmo recortaba as ofertas anteriores, deixando a recuperación dos salarios nun miserento 2.7%, tras oito anos de conxelación. Xa lle contestamos que esa proposta evidentemente non nos valía". Porén, tras un receso, a dirección modificouna, presentando unha nova "que continúa sendo insuficiente e que non recolle a incorporación de varios complementos que levamos na táboa reivindicativa. Aínda así, quedamos de avaliala polo miúdo na asemblea de traballadores".
"Sen readmisión non hai solución"
Nesa reunión, a representación social tamén puxo enriba da mesa a petición de readmisión dos traballadores eventuais despedidos en plena folga, cuxo cese será efectivo hoxe. "Non obstante, a empresa mantén a súa decisión de despedir a dous compañeiros da contrata e non está pola labor de readmitilos nos seus postos", denuncian. Neste senso, a CIG demanda de "maneira prioritaria" a súa reincorporación e advirte que, "no punto no que Valoriza Auga ten deixado o conflito, calquera solución pasa pola readmisión deste persoal".
Para a CIG estes despedimentos non responden a razóns obxectivas, senón que son unha represalia da empresa contra o persoal pola súa participación na folga e con esta medida pretende, ademais, dar un exemplo ao resto dos traballadores. De feito, tras comunicar os despedimentos, Valoriza xa está preparando novas contratacións para cubrir eses postos.
Así as cousas, a folga indefinida continúa adiante e este venres cúmprense xa 11 días de paro continuado. O vindeiro martes, día 4 de decembro, está prevista unha asemblea de traballadores para preparar o calendario de mobilizacións das próximas semanas, "pois parece que conflito aínda se vai prolongar no tempo".