Os traballadores de Valoriza Auga continúan en folga por un convenio digno
Os traballadores de Valoriza Auga comezan o ano tal e como o remataron: en folga indefinida por un convenio colectivo que lles permita recuperar os dereitos económicos e laborais perdidos nos últimos anos. Este mércores, o persoal volveuse concentrar diante das oficinas de Valoriza na rúa do Matadoiro para reclamarlle á empresa unha proposta "seria" que permita desbloquear o conflito e avanzar na sinatura do novo acordo e, ao tempo, a readmisión dos dous compañeiros eventuais despedidos en plena folga.
"Parece que a empresa non ten présa por resolver o conflito, pouco lle debe importar que o servizo público de mantemento da rede de sumidoiros da Coruña leve dende o pasado 19 de novembro funcionando só con servizos mínimos", denuncia a representación social, en referencia ás cativas ofertas trasladadas pola dirección de Valoriza dende que comezou a folga.
"A parte social xa lle presentou tres propostas diferentes, rebaixando as demandas iniciais en aras de buscar un entendemento, pero sempre encamiñadas a recuperar os salarios perdidos nestes oito anos nos que os traballadores tiveron as nóminas conxeladas. Non obstante, a cada unha das nosas propostas a empresa responde subindo unha miseria a súa oferta inicial e querendo sempre ir a un convenio de cinco anos, aínda que a contrata remata a finais de 2019. É un insulto aos traballadores e á cidadanía da Coruña, que paga o servizo", subliña o secretario comarcal da CIG, Xabier Filgueira.
A este respecto, Filgueira reclama unha maior intensidade nas xestións realizadas polo Concello da Coruña e por EMALCSA xa que até o momento non están a ter resultados. De feito, critica,a empresa non se moveu nas súas propostas "e formula un convenio a cinco anos, trasladando incrementos para os anos 2021 e 2022 sobre un IPC que ninguén sabe como vai a resultar. Os traballadores non poden asumir esa incerteza sobre os seus salarios".
Diante deste bloqueo, os traballadores continuarán coa folga indefinida e coas mobilizacións que a diario están a realizar en demanda dun convenio digno.