Os traballadores de Valoriza Auga continúan coa folga iniciada o 19 de novembro
A folga indefinida que os traballadores de Valoriza Auga iniciaron o pasado 19 de novembro para esixir un convenio xusto e salarios dignos continúa adiante e xa suma 18 xornadas de paro efectivo nos que só están operativos os servizos mínimos. Non obstante o tempo transcorrido, o persoal mantén o ánimo alto e está disposto a seguir adiante coa súa loita para recuperar os dereitos perdidos e esixir a readmisión dos compañeiros eventuais despedidos en pleno conflito.
Para visibilizar a súa loita, os traballadores levaron esta mañá as súas protestas até as oficinas que Valoriza ten no paseo marítimo onde corearon consignas contra a conxelación salarial que sofren dende hai oito anos, en demanda da reincorporación do persoal despedido e por unha negociación real coa empresa.
Neste senso, lembran que dende que comezou a folga só houbo dúas xuntanzas coa dirección de Valoriza Auga nas que a empresa apenas mudou a súa oferta económica, presentando unha proposta que non permite a recuperación do poder adquisitivo perdido nestes anos e sen querer entrar a valorar varios dos complementos recollidos na plataforma social.
Moción de apoio no Pleno da Coruña
Na tarde de onte, os traballadores asistiron ao Pleno municipal da Coruña no que se aprobou por unanimidade dos grupos unha moción de apoio ao persoal, reclamando que Valoriza Auga se aveña a negociar a recuperación dos dereitos perdidos e a reincorporación dos compañeiros eventuais represaliados pola súa participación na folga.
Dende a CIG reiteran o chamamento ao Concello da Coruña e a EMALCSA (como titular da contrata) para que continúen realizando as xestións de mediación oportunas que permitan achegar posturas e alcanzar un acordo satisfactorio para a sinatura do convenio colectivo.