Os traballadores de Maitours proseguen a loita para que se lles aplique o convenio sectorial

A CIG ten convocada unha xornada nacional de mobilización en apoio á súa loita
Ferrol - 30 Out 2024

Os traballadores de Maitour continuaron este mércores coas mobilizacións na rúa para darlle visibilidade á súa loita. Nesta ocasión fixeron unha marcha con corte de tráfico pola zona do porto de Ferrol reclamándolle á empresa (do Grupo Alsa) que sente negociar e comece dunha vez a aplicar o convenio provincial de transporte de viaxeiros/as por estrada.

Xornada nacional de loita

O vindeiro mércores, 6 de novembro, a CIG ten convocada unha xornada nacional de mobilización en apoio e solidariedade coa loita que están a levar adiante dos traballadores e traballadoras de Maitours. A xornada incluirá unha asemblea de delegadas/as e unha posterior manifestación polas rúas de Ferrol.

Cómpre lembrar que o persoal está en folga indefinida dende o pasado 15 de xullo, aínda que os servizos mínimos impostos pola Xunta coa escusa do inicio do curso escolar na práctica están impedíndolle exercer este dereito fundamental.

Dende o comezo da folga, ademais, a actitude da empresa foi de rotundo peche a calquera tipo de negociación, negándose a buscar unha saída ao conflito e a asumir as súas obrigas laborais. Unha actitude que o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, cualifica de inaudita.

Ao tempo, e malia a afectación que a folga ten no transporte público da comarca de Ferrol, a Xunta de Galiza mantense de perfil e a súa única intervención foi para decretar eses abusivos servizos mínimos.

O persoal de Maitours (empresa que xunto con Intercar forma a UTE que fai as liñas de autobús urbano e interurbano de Ferrol) acordou pórse en folga por unha cuestión tan básica como que se lle aplique o convenio provincial do sector, ao igual que se fai co resto de compañeiras e compañeiros.

Que este persoal ten que estar regulado polo convenio provincial xa o determinou unha sentenza xudicial e así o entende tamén a Inspección de Traballo, posto que a última reforma laboral estabeleceu que os salarios dun convenio de empresa (o que se lles aplica ao persoal de Maitours é o da extinta Tranvías de Ferrol) non poden estar por debaixo dos salarios do convenio sectorial de referencia.

Con esta folga, ademais, tamén se lle demanda a Maitours que cumpra os acordos laborais e compense o traballo en festivos. Cuestións que a filial de Alsa nin sequera quixo entrar a tratar.

A sentenza que recoñece que o persoal de Maitour ten que estar regulado polo convenio provincial deixou a materialización deste cambio á publicación do novo convenio no BOP. Por iso agora un problema engadido neste conflito, apunta Pastoriza, é a negativa da patronal provincial a sentar a asinar o convenio, malia xa estar todo pactado e que as táboas salariais xa foron publicadas.

Para o representante da CIG esta demora débese á conivencia da patronal maioritaria, Transgacar, coa estratexia de Alsa, que tamén forma parte desta asociación patronal.