Os traballadores de Maitours (Alsa Ferrol) reciben con pitos o conselleiro de Presidencia
Os traballadores de Maitours -que están en folga indefinida dende o pasado 15 de xullo- levaron as súas protestas este venres até o Parador de Ferrol, aproveitando a participación de Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, nun acto na cidade. O persoal reclama a intervención activa da administración galega, xa que é a responsábel dos contratos do transporte de viaxeiros/as por estrada.
Da consellaría que dirixe Calvo depende a Dirección Xeral de Mobilidade, e por iso os traballadores acordaron facerlle unha "recepción" con pancarta, pitos e cantigas para recriminarlle os novos servizos mínimos impostos pola Xunta de Galiza, coincidindo co inicio do curso escolar, que triplicaron os que estaban fixados dende o inicio da folga.
Con este decreto, denuncia a FGAMT-CIG, estase impedindo que na práctica o persoal poida exercer o seu dereito fundamental á folga. E neste sentido, a central critica que a única intervención da administración galega dende o inicio do conflito fora, non para mediar na busca dunha solución e garantir que se cumpren as cláusulas dos contratos, senón "para pórse do lado da patronal e rebentar a folga con estes servizos mínimos".
Así as cousas, os traballadores e traballadoras de Maitours (que xunto con Intercar forma a UTE que presta o transporte público de autobús en Ferrol e comarca) continúan na súa loita para que a empresa lles aplique o convenio colectivo do sector (como xa se lles aplica ao resto de compañeiros/as), compense o traballo en festivos e cumpra os acordos laborais.