Os traballadores de Construcciones Asogal acumulan xa seis mensualidades sen cobrar
A Federación da Construción e da Madeira da CIG en Lugo-A Mariña amosa a súa indignación e preocupación pola situación que están a atravesar os traballadores e traballadoras de Construcciones Asogal, a quen a empresa lles adebeda entre seis e oito mensualidades. A central demanda unha resposta "clara e rápida" por parte de compañía, do xulgado do mercantil e administración concursal e das administracións públicas para as que traballa Asogal, que permita reverter as insostíbeis condicións nas que se atopan estes operarios.
A situación deste persoal resulta "asfixiante", nun contexto "totalmente insostíbel" e que pon en perigo a viabilidade desta empresa que conta con 20 traballadores en nómina, explica o secretario comarcal da Federación, Afonso Losada. Deses operarios, 10 fan labores de conservación de estradas para a Deputación de Lugo na zona do Caurel, onde estes días se acumulan as incidencias derivadas do frío e da neve e "que os traballadores están a atender a pesar do trato ao que se ven sometidos pola empresa e pola propia Deputación, coñecedora da súa situación", resalta Losada.
Contratos coas administracións públicas
A empresa Construcciones Asogal dedícase preferentemente á obra pública, traballando asiduamente para o Concello de Lugo e para a Deputación. Nestes momentos, ten obras en Pedrafita (residencia), Abadín (ampliación dunha estrada), o servizo de conservación de estradas para a Deputación e traballa na Louzaneta para o Concello de Lugo. Porén, a pesar de ter carga de traballo, "non lle paga aos seus empregados, levándoos a unha situación límite, máxime cando veñen arrastrando impagos dende hai catro anos, agudizados nos últimos meses", denuncia Losada.
O concurso de acredores que mantén a empresa dende finais de setembro, tampouco serviu para mellorar as perspectivas. Aínda máis, engade o secretario comarcal da CIG-Construción, "para o único que serviu realmente é para que a empresa e a administración concursal se pasen a pelota entre deles e coa administración sen darlle solución aos traballadores". Neste senso, sinala "que o único feito positivo" foi que puideron solicitar ao FOGASA unha parte da débeda (catro meses) "e así, no momento que cobren, poder aliviar a súa situación económica, que na maioría dos casos é totalmente insostíbel".
Diante desta desfeita, dende a central solicítase:
-Da empresa: o pago inmediato das nóminas de outubro e novembro; a presentación dun plan de viabilidade e de futuro que garanta os postos de traballo; e sobre todo, "que se dean as explicacións necesarias para coñecer realmente a situación da empresa". De feito, dende o mes de setembro, o administrador da empresa non volveu reunirse cos traballadores nin coa súa representación, "agochándose detrás da administración concursal e do seu avogado. Esixímoslle que dea a cara dunha vez!", asevera Losada.
- Da administración concursal e do xulgado do mercantil: que axilice as xestións para o pagamento das nóminas, que sexa máis transparente cos traballadores, informe de todo o que aconteza e que amose unha maior empatía diante da situación insostíbel na que están. Así mesmo, demándase a inmediata presentación do informe de viabilidade ou non, da empresa.
-Das administracións públicas (Deputación e Concello de Lugo): que axilicen o pagamento de obras xa certificadas que están paralizados, para resolver a situación de impago dos traballadores, e habiliten as medidas necesarias para que eses pagos repercutan directamente nas nóminas, tal e como figuran nas cláusulas sociais que introduciron nos contratos.
Resposta "clara e rápida"
"A situación estes 20 traballadores é alarmante e require dunha resposta clara e rápida por parte de empresa, xulgado do mercantil e administración concursal e das administracións públicas para as que traballa Asogal. Por parte das organizacións sindicais e dos traballadores estamos a estudar as medidas a tomar no caso de que non se dea resposta inmediata ás nosas demandas", sentenza Losada.