Os traballadores/as de Leche Celta irán á folga polo bloqueo da negociación do convenio colectivo
O Comité de Leche Celta SLU compareceu este mércores en rolda de prensa para anunciar a convocatoria de folga nas instalacións de Andrade (Pontedeume) a partir do vindeiro luns, 23 de outubro, para rexeitar o bloqueo da negociación do convenio colectivo por parte da empresa. Coincidindo coa folga, o persoal desenvolverá unha concentración permanente diante da factoría.
Os paros laborais iniciaranse o luns 23, en horario de 12 a 16 horas, e terán continuidade nas semanas seguintes sumando cada vez unha xornada de folga a maiores até o 2 de decembro. Se para esa data non se teñen producido avances significativos na negociación, o comité non descarta endurecer as medidas de presión e ampliar a convocatoria de paros.
Un convenio para dignificar os salarios e as condicións
O persoal de Leche Celta SLU está rexido na actualidade polo convenio estatal de industrias lácteas e logo de moito batallar, a representación social conseguiu o pasado ano que a empresa sentara a negociar un convenio propio que dignificara as condicións salariais e sociais das preto de 180 traballadoras e traballadores desta planta.
Porén, explica Francisco Xabier Cartelle, Secretario Confederal de Emprego da CIG, transcorreron os meses sen que se producira ningún avance, xa que a dirección de xeito sistemático fai propostas salariais ridículas. "Até o punto de que estamos nunha situación de enquistamento da negociación", denuncia. Neste senso, Cartelle apunta que arredor do 70% do persoal de Leche Celta é mileurista e o que se demanda na plataforma social "é un incremento dos salarios que os converta en salarios dignos". Xunto a isto, unha cláusula de revisión que garanta que se o convenio estatal sube por riba do incremento pactado, aplicaríase o incremento do convenio estatal máis o 1,5% .
Un 3.5% máis para os soldos da alta dirección
Sobre a contía que se reivindica, Cartelle subliñou que "esta suba está baseada nos números que desprenden as contas da empresa, que nos últimos exercicios obtivo beneficios millonarios. Pero destas ganancias as traballadoras e traballadores non viron un euro". De feito, o sindicalista denuncia que mentres os custes salariais do cadro de persoal descenderon un 0.4% "os cartos destinados a pagar os soldos da alta dirección aumentaron un 3.5%".
Ademais, apunta, "Leche Celta gasta un 36.9% máis en publicidade que en gastos de persoal", nunha estratexia de comunicación que entenden resulta ineficiente e pouco visíbel.
Paros laborais até o 2 de decembro
Xunto á cuestión económica, a proposta sindical para o convenio de empresa recolle tamén melloras sociais relativas á distribución da xornada, licencias, etc. "Pero comezamos polo aspecto económico porque nos parece fundamental acadar unha mellora dos salarios", afirma Francisco Cartelle.
Así as cousas, ante o bloqueo da negociación, o comité acordou convocar esta primeira xeira de mobilizacións que comezan o luns e seguirá os días 30 e 31 de outubro, 6, 7 e 8 de novembro, e así sucesivamente até o 2 de decembro.