Reclámanlle ao Ministerio de Sanidade unha proposta final do Estatuto Marco tras a reunión coas comunidades autónomas
As organizacións sindicais con representación no Ámbito de Negociación (CIG, SATSE-FSES, FSS-CCOO, UGT e CSIF) solicitáronlle ao Ministerio de Sanidade que lles remita a súa proposta final do anteproxecto de Lei do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde unha vez celebrase a reunión que ten prevista nos próximos días coas autonomías.
Sobre este novo texto as organizacións sindicais realizarán as súas alegacións para continuar e ultimar a negociación para partir do día 16 de setembro, tal e como acordaran ambas as partes na última reunión celebrada o pasado 29 de xullo.
Esta formulación coherente co proceso negociador é o argumento trasladado por carta á directora xeral de Ordenación Profesional, Celia Gómez, para informarlle de que non acudirán á reunión do próximo 4 de setembro convocada en días pasados polo seu departamento.
“Consideramos inadecuado manter a reunión do día 4 de setembro dado que requirimos poder contar previamente cunha nova versión do anteproxecto de lei do Estatuto Marco que inclúa as alegacións realizadas polas CCAA, e non ao revés, a fin de que podamos fixar a nosa posición final”, explican.
As organizacións sindicais lembran que o calendario pactado o pasado 29 de xullo incluía un total de cinco reunións ao longo da segunda quincena de setembro ao obxecto de abordar o que solicitaran con respecto ao novo modelo de clasificación profesional e a xubilación voluntaria, xa sexa anticipada ou parcial, entre outras cuestións aínda pendentes de acordo.
Para iso, engaden, sería adecuado que Sanidade lles trasladase un novo texto con outras propostas sobre estas materias fundamentais, xa que o último remitido acerca destas cuestións foi rexeitado por todas as organizacións sindicais presentes na mesa de negociación
E lamentan este novo o cambio de criterio do Ministerio respecto ao calendario previamente pactado e sosteñen que se trata dunha falta de consideración ao traballo interno e de coordinación que realizan as organizacións sindicais. Con todo, reiteran a súa disposición para seguir negociando e atopar unha solución que satisfaga a todas as partes
“De ningún xeito é o noso interese alongar a negociación de maneira innecesaria senón concluíla da mellor maneira, esgotando todas as posibilidades para alcanzar finalmente un acordo que satisfaga as expectativas e intereses do conxunto do persoal estatutario do SNS”, apuntan.
Na carta afirman que o feito de convocarlles o día 4 de setembro é un novo exemplo da forma na que o Ministerio de Sanidade veu desenvolvendo as negociacións sobre a reforma da Lei do Estatuto Marco ao longo dos últimos dous anos.
“Producíronse sucesivas incidencias que impediron respectar uns tempos regulados e certeiros no que respecta a a celebración das reunións. Houbo momentos nos que o Ministerio retardou, e mesmo paralizado, a marcha da negociación e outros nos que quixo acelerala sen unha razón coñecida”, sinalan.
Revisión final
As organizacións sindicais reiteran que as negociacións se atopan nun “momento decisivo”, pero insisten en que aínda deben esgotarse todas as vías posibles de chegar a un acordo. Por iso, non entenden que o Ministerio quixese facer na reunión do 4 de setembro unha “revisión total” do texto, o que faría innecesario manter encontros posteriores.
A este respecto, aseguran que o interese por parte do Ministerio de Sanidade de manter unha “reunión final” pode deberse a razóns máis de tipo político, como adaptarse aos tempos do Goberno á hora de presentar novos proxectos normativos no Congreso dos Deputados, pero insisten na necesidade de que se cumpra o calendario xa pactado.