Os datos de seguimento na quenda de noite avanzan que a folga será un éxito
Todo apunta a que este 8 de Marzo "vai ser todo un éxito e que as mulleres volveremos situar Galiza á cabeza do mapa do Paro Internacional de Mulleres". Os datos que se manexan a esta hora de respaldo á folga, avanzan que estamos ás portadas doutra xornada histórica coas mulleres como protagonistas absolutas.
Nestas primeiras horas, apunta a secretaria de Mulleres da CIG, Margarida Corral, o seguimento está condicionado polo feito de que a actividade se desenvolve en sectores moi masculinizados e nos que boa parte da quenda a realizan os homes. Aínda así, nos hospitais da rede do Sergas a esta hora só se están cubrindo os servizos mínimos, tanto no que ten a ver co persoal sanitario como nos servizos da limpeza hospitalaria.
Ademais, na zona de Vigo, nesta quenda están parando o 90% traballadoras de Denso, Plastic Omnium e Grupo Copo, así como as de Domiberia e Alonarti. E na planta de Einsa As Pontes, a todas as mulleres da quenda de noite están a secundar a folga e hai un alto seguimento en Indipunt (Narón).
Xunto á folga, Margarida Corral anima as mulleres a que "penduren mandís das fiestras, portas e balcóns simbolizando ben a folga de coidados, ben como denuncia daquelas mulleres que non poden facer folga".
Servizos mínimos abusivos
En canto ao desenvolvemento da folga, Margarida Corral denunciou os abusivos servizos mínimos impostos pola Xunta de Galiza (que a CIG ten recorridos), que recollen mesmo maiores efectivos que os decretados para a folga do pasado ano en sectores e categorías que, ademais, son esencialmente desenvolvidas por mulleres.
Lembra que o decreto de servizos mínimos para a folga do 8M de 2018 foi anulado polos tribunais e que a CIG convoca unha folga de mulleres e, polo tanto, "non ten sentido establecer eses servizos mínimos cando hai traballadores que non están chamados a secundala".
Algunhas empresas tentan limitar o exercicio do dereito á folga
Así mesmo, Corral rexeitou as actitudes das empresas que nas últimas semanas instaron as súas traballadoras a informar previamente se ían exercer o seu dereito á folga, tal e como aconteceu en Denso. Esta actuación vulneradora foi denunciada pola CIG na Inspección de Traballo. Noutras como Copo tentouse coaccionar as traballadoras dicíndolle que se ían a folga non podería cobrar determinados pluses, que en ningunha outra folga antes se deixaran de abonar.
A secretaria das mulleres da CIG rexeita estas actuacións por seren claramente irregulares e "coa única finalidade de crear listaxes para identificar as traballadoras máis reivindicativas e limitar o exercicio dun dereito fundamental como o de folga".
Outra das empresas que está a intentar boicotear a folga, nesta ocasión negándose a facer públicos os servizos mínimos, é o hospital vigués Povisa. A dirección do centro médico aínda non fixo públicos os servizos mínimos que rexerán durante a xornada, o que para a CIG é un claro intento de impedir a participación no paro, polo que lle trasladaron o caso á Inspección de Traballo co obxectivo de que se garanta un dereito fundamental como o de folga.
Ademais, dende a sección sindical da CIG no hospital vigués denuncian que o departamento de Recursos Humanos do centro médico vigués lles negou a posibilidade de manter unha xuntanza para abordar a situación. “Solicitamos unha reunión co director e o único que nos dixeron foi que non podía atendernos”, critican.
Agárdase un amplo seguimento na quenda da mañá e nas mobilizacións
A pesar destes atrancos, "temos a certeza de que esta xornada vai ser histórica, e confío plenamente en que así se visibilizará coa participación multitudinaria das mulleres nas preto de 30 mobilizacións que como CIG temos convocadas ao longo do país e nas mobilizacións que o feminismo galego ten organizadas durante a tarde".
Corral subliña, porén, que esta folga non é só laboral, senón que o chamamento é tamén a unha folga no ensino, de consumo, de brazos cruzados nas tarefas de coidado, e de boicot ás empresas con publicidade ou reclamo sexista. Co obxectivo de visibilizar o traballo achegado polas mulleres nun día normal "e demostrar que non imos permitir máis ataques aos nosos dereitos".
As traballadoras visibilizan o seu apoio á folga
Traballadoras que este 8 de Marzo secundarán a folga de mulleres quixeron facer visíbel o seu apoio á convocatoria fotografándose á saída da quenda laboral do xoves con cartelería alusiva á xornada reivindicativa ou deixando no seu posto un cartel coa mensaxe "Muller en Folga". Identificando así o espazo baleiro que deixan e denunciando ao tempo o importante valor social que desempeñan as mulleres nas esferas produtiva e reprodutiva, en moitos casos invisibilizado.