Os datos da EPA sitúan a Galiza como a tristemente “campioa de Europa en desemprego”
A EPA III Trimestre confirma, segundo o secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, secretario confederal de Emprego e Industria, “que máis alá da propaganda do goberno e dunha situación idílica do mercado laboral, o que están provocando as reformas e contrarrefrormas, ao non se derrogar as anteriores, é un deterioro do mercado laboral en Galiza”.
Sío chama a atención na perda de poder adquisitivo por mor da carestía da vida, na falta de emprego con garantías e no deterioro de servizos públicos nun contexto no que se produce, segundo a EPA, a caída da poboación ocupada e o medre da poboación parada en 3.700 persoas. “Demostra que o sector servizos é o que tira da economía, que o modelo económico e laboral que marcou o goberno ademais de traer precariedade e pobreza laboral, tamén está traendo paro e non é para nada o futuro, nin a forma de poder ter emprego e salarios dignos”.
Para o secretario confederal de Emprego os datos constatan ademais que son as mulleres, unha vez máis, “as que sofren os vaivéns da economía e do mercado laboral”, xa que son as que, de forma maioritaria, van ao paro. No caso dos homes salienta que só grazas ao aumento en Construción aumenta a ocupación dos homes e evita que os datos de desemprego masculino “non sexan aínda máis preocupantes do que son”.
Modelo económico
Francisco González Sío considera que detrás desta situación hai un problema de modelo económico. Neste sentido chama a atención sobre o problema da vivenda, do que tanto se fala ultimamente, que afecta fundamentalmente á clase traballadora: Neste sentido, relaciona o incremento da ocupación no sector da Construción co problema da vivenda digna, á que non poden acceder. Por iso reitera a súa denuncia de que “o Goberno está instalado na propaganda” porque “os datos demostran o contrario, tanto no referido ao mercado laboral como no relativo a vivenda”.
Chama a atención ademais no número de fogares nos que todas as persoas en activo están no paro, que aumentou en 4.900 persoas neste trimestre, chegando as 57.200. Un incremento que considera “un síntoma máis da preocupante situación na que nos atopamos”.
“Campeóns de Europa no paro”
Por iso advirte que “non estamos para tirar foguetes, nin para vir a felicitarnos absolutamente de nada, xa que temos unha taxa de paro do 10,9%, pero que chega ao 11,8% nas mulleres, a máis alta de Europa”. Datos que, afirma, “nos converten nos campeóns de Europa no paro”.
Xunto a isto apunta que temos unha taxa de temporalidade de 16,4%, o que significa, tal e como viña dicindo CIG, “que os contratos por circunstancias da produción non desapareceron, si que están e esa temporalidade non se eliminou”. Porcentaxes que o levan a confirmar que “o único que se fixo foi a maquillaxe estatística, onde os contratos de obra e servizo pasaron a chamarse fixos descontinuos e non aparecen como temporais, pero todos sabemos o que significa ser fixo descontinuo e, cada vez máis, a clase traballadora sabe do calote que lle meteron o Ministerio de Traballo e o Goberno”, conclúe.
Parcialidade no 15%
O secretario confederal de Emprego subliña ademais que a parcialidade segue estando no 15% o que se traduce en que “todas as penurias que sufría antes da reforma a clase traballadora, seguen vixentes”. A isto engade a necesidade de que se suba do SMI aos 1.200 euros cumprindo coa Carta Social Europea.
Por iso demanda “políticas valentes”; que se derrogue dunha vez a reforma laboral e que se substitúa por unha nova lexislación laboral “que lle dea dereitos reais á clase traballadora, poder de negociación colectiva e salarios dignos”.