Os dato da EPA reflicten que a precariedade do mercado laboral galego expulsa as persoas traballadoras
O mercado laboral galego perde poboación activa, tal e como confirman os datos da Enquisa de Poboación Activa correspondentes ao segundo trimestre de 2024. Até agora, a caída das persoas en idade de traballar víñase compensando coa entrada de persoas migrantes, mais neste período esta tendencia muda: en Galiza perdéronse 6.400 persoas activas, pero só accederon ao mercado laboral 2.400 persoas estranxeiras.
Ademais, neste segundo trimestre, a ocupación (que rexistra o incremento máis cativo da última década) só aumentou entre a poboación masculina, mentres que a taxa de ocupación das mulleres descendeu o 0,2%. Deste xeito rómpese a tendencia dos últimos meses pola cal o medre da poboación ocupada se producía pola incorporación de mulleres ao mercado laboral.
Escaso medre da ocupación no sector servizos
No relativo á ocupación por sectores, a EPA do segundo trimestre reflicte tamén unha evolución "sorprendente". Ao contrario do que é habitual neste período, que coincide co inicio do verán e o incremento da actividade nos servizos, onde máis aumenta a ocupación é na industria e na construción. Mentres que nos servizos a ocupación aumentou un 0,4% con relación ao trimestre anterior, na industria o incremento foi do 2,9% e no sector da construción subiu un 3,9%.
Cómpre destacar que o medre da ocupación do sector servizos prodúcese practicamente con poboación estranxeira. Para o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria, Francisco González Sío, este dato evidencia que "a precariedade laboral e os baixos salarios do sector están expulsando unha parte moi importante da poboación cara a outros territorios do Estado ou do resto de Europa en busca de mellores condicións".
Chama a atención sobre o feito de que o incremento da ocupación sexa o máis cativo dos últimos dez anos. Unha realidade que se reflicte "no preocupante" aumento do paro no sector servizos "cando este é o que tira do emprego polo proceso de desindustrialización que sufrimos en Galiza e o modelo económico baseado no turismo, que tanto o Goberno español como o galego fomentan e potencian en detrimento doutro modelo económico e laboral menos precario e con emprego estábel".
Galiza ten unha taxa de paro do 9,5%
González Sío apunta que o medre da ocupación, xunto á caída da poboación activa, reducen a taxa de paro en Galiza nun punto, situándose no 9,5%, moi por enriba dos países da zona euro, onde a taxa se sitúa no 6,4%. "Se a isto lle sumamos que a taxa de actividade é do 53,01% (na zona euro é 75,1%), móstrase ben ás claras o problema que levamos herdando: dende a crise de 2009 até agora, a poboación menor de 40 anos descendeu en máis de 240.000 persoas pola emigración derivada da precariedade e os baixos salarios".
Para poñer a gravidade deste dato en perspectiva, o secretario confederal de Emprego fai unha comparativa con Estados similares en poboación a Galiza, como Eslovenia -cunha taxa de paro do 4,4% e 43.000 persoas paradas menos que na provincia de Pontevedra-, ou Croacia -cun 4,7% de desemprego e 84.000 persoas paradas menos-. Ambos territorios, ademais, rexistran un medre dos salarios e dos salarios medios maiores e que superaron os do noso país. Dato que, para González Sío, demostra "malia toda a propaganda, a incapacidade da Xunta de Galiza e do Goberno español para crear emprego de calidade e con dereitos".
Por provinciais, o representante da CIG apunta que Pontevedra rexistra a taxa de paro máis elevada de Galiza, cunha diferenza de 4 puntos superior á Coruña, que é a máis baixa. "Chama a atención como unha provincia industrial como Pontevedra teña esta taxa de paro. Vendo no global das catro provincias, podemos observar como o efecto irradiador de emprego do Camiño de Santiago fai que canto máis lonxe se estea dese centro, menos emprego se xera", valora.
Reforzar o sector industrial e os servizos públicos
As cifras da EPA confirman o que a CIG leva anos denunciando e a necesidade de pórlle freo ao deterioro do mercado de traballo, implementando medidas que garantan un sector industrial e uns servizos públicos fortes e a derrogación das reformas laborais e das pensións. "Porque vemos como se están a desmantelar os servizos públicos, tan necesarios como os salarios, para poder ter unas condicións de vida dignas e como o Goberno español pretende, una vez máis, dificultar cando non prohibir, a xubilación, a pesar de termos a taxa de paro xuvenil máis altas de Europa, próxima ao 30%".