Os comités das fundacións de investigación sanitaria e medicina xenómica valorarán ir á folga se a consellaría segue a ignoralos
Representantes dos comités das catro fundacións de investigación sanitaria e de medicina xenómica advertiron esta mañá, en rolda de prensa, que valorarán paros parciais ou folga se a consellaría de Sanidade non atende a súa demanda de negociación dun convenio conxunto que dignifique as súas condición laborais e a equiparación ao persoal do SERGAS.
Segundo explicou Marta Olivares, presidenta do comité da Fundación de Investigación Biomédica Galiza Sur, as catro fundacións públicas que desenvolven a súa actividade no SERGAS levan todo o ano demandando a constitución dunha mesa de negociación para un convenio único, sen resposta por parte da consellaría. “Seguen ignorándonos malia ter denunciado o convenio hai máis de dous anos e con falta de melloras das condicións laborais, de dereitos ou salariais”.
Demandas ás que se suma a denuncia pola falta de estabilización de moito do persoal que está pendente de saber que vinculación xurídica ten, ao estar integrado no sector público desde xaneiro de 2024.
Un convenio en 25 anos
Máis complicada é a situación do persoal da Fundación de Medicina Xenómica. A este respecto, Eva Esteban, presidenta do seu comité, lembrou que esta fundación existe desde hai máis de 25 anos e que, desde aquela, só tiveron un convenio ao que se adheriron a partir de 2021. “Un convenio de fundacións sanitarias do 061 histórico que xa caducou e que ten unhas condicións laborais obsoletas totalmente”.
A partir dese momento asinaron varias prórrogas pero as traballadoras e traballadores decidiron por votación unirse ás outras tres fundacións sanitarias de investigación de Galiza para ter máis capacidade de presión. “Queremos que valoren e regulen as nosas condicións logo de tantos anos no entorno do SERGAS, tanto na parte de investigación como na parte asistencial e que se vexa reflectido o noso traballo nunhas condicións máis dignas e mellores”.
Por iso Valentina Calamía, presidenta do comité de empresa da Fundación Pública de Investigación INIVIC da Coruña reclamou saber quen vai sentar negociar cos comités, pregunta para a que non obteñen resposta e polo que denunciou que “estamos sendo esquecidas e ignoradas” e que as levou, dixo, a mobilizarse.
Convocatoria de novas mobilizacións
Lembrou as protestas feitas ás portas dos hospitais de referencia de cada fundación, levando as súas demandas aos equipos do novo goberno, unha vez constituído e a ausencia de interlocución algunha. Protestas posteriores e unha conxunta ás portas da propia consellaría na que mesmo entregaron un escrito solicitando unha xuntanza sen éxito. Por iso considerou que “ese tempo xa está esgotado, que xa é hora de que se reúnan con nós” e anunciou novas mobilizacións para os días 11 e 18 de decembro, de nova ás portas dos hospitais.
Mobilizacións tras das que, se segue sen haber resposta, levarán aos comités a valorar, a partir de xaneiro, a convocatoria de paros parciais ou folga.