Os carretilleiros/as de GKN desconvocan as protestas tras comprometérense as empresas á equiparación
O cadro de persoal de HPS Industrial Jobs e Logistic Packaging, empresas de carretilleiros/as que traballan para a firma de automoción viguesa GKN Driveline, decidiu desconvocar a protesta prevista para este xoves 19 unha vez que as compañías se comprometeron onte a equiparalos/as salarialmente co resto de empregados/as do sector do metal.
Segundo explican dende a representación sindical dos arredor de 80 empregados/as (catro delegados/as da CIG e un da UGT), coa concentración que ía ter lugar diante das instalacións de GKN na Avenida Citroën querían reclamar a aplicación íntegra do convenio provincial do Metal, o que suporía un considerábel aumento de soldos.
Até hai catro anos a empresa aplicáballes o convenio de Comercio de Artes Gráficas, mais unha sentenza que chegou a finais de 2014 tras unha denuncia da CIG recoñecéuselles o dereito a gozar das condicións laborais establecidas no convenio provincial do Metal de Pontevedra. Dende entón as condicións laborais están equiparadas, a excepción dos salarios.
Diante disto, o persoal decidira en asemblea levar a cabo mobilizacións e presentar demandas contra as empresas por cesión ilegal de traballadores/as, ao tempo que non descartaba convocar paros no mes de setembro. Pero o acordo subscrito onte coa empresa, que foi validado polos/as traballadores/as, permitiu suspender as protestas.