Os bombeiros enterran os consorcios provinciais, mortos pola inacción da Xunta e as Deputacións
Novamente baixo un desmesuradísimo dispositivo de control policial, os bombeiros dos parques comarcais proseguiron este martes co calendario de mobilizacións para reclamar un convenio galego que unifique e dignifique as condicións de traballo e que se aplique a fixeza dos contratos como recoñece a doutrina do TS.
Aproveitando á véspera do día de defuntos, quixeron tematizar a súa protesta simulando o enterro das súas profesións e dos catro consorcios provinciais. Representaron unha comitiva fúnebre encabezada por gaiteiros que tocaban o himno galego, un cadaleito, as coroas e ramos de flores, unha cruz na que crucificaron o uniforme de traballo e catro padiolas nas que transportaban cada un dos catro consorcios mortos.
Pero o acto reivindicativo sufriu un atraso de máis dunha hora xa que, novamente, os bombeiros foron tratados “como delincuentes” e tiveron que realizar a súa performance no espazo reducido que lles delimitou a policía, a moitos metros de distancia da entrada do edificio da Deputación e coa rúa incluso cortada ao tránsito de peóns.
O presidente do comité de folga, Ángel Moldes (CIG), cualificou de “incríbel, o sistema represivo no que estamos metidos”. Lembrou que tanto na concentración do pasado xoves na Coruña, como na deste martes, os bombeiros foron identificados un a un e rexistrados para poderen participar na mobilización.
“Aínda que falamos cos mandos para explicarlles que iamos facer un acto reivindicativo representando a morte dos consorcios provinciais e tocando o himno galego cos gaiteiros, retivéronos unha hora identificándonos e rexistrándonos. Está claro que hai unha orde política de tentar confrontarnos e poñernos nerviosos”, advertía.
Sobre o silencio tanto das deputacións como da Xunta de Galiza, Moldes criticaba que “estamos exactamente igual que a principios de mes, cando suspenderon a reunión que había para o día 9. Dende entón non tivemos máis contactos nin nos chamaron”. Neste sentido, Moldes adiantou que o colectivo valora convocar as administracións no Consello Galego de Relacións Laborais para tentar desbloquear o conflito. Aínda que ao tempo, dubidaba da eficacia desta medida “porque se non queren negociar non sei para que os imos convocar no Consello”.
Ante as tentativas de criminalizar a súa loita, Moldes subliñou que as mobilizacións son pacíficas e “o que reivindicamos é que senten negociar para arranxar os nosos problemas o antes posíbel. Pero parece que non lles importa que cada día pechen catro ou cinco parques comarcais”.
Sobre as reclamacións dos bombeiros, reiterou que o pasado mes de xuño entregaron na Xunta unha proposta de convenio colectivo cunha RPT na que se valora adecuadamente o posto “pero non a queren asumir, queren deixarnos como estamos, cobrando 20.000 euros brutos ao ano por facer o traballo que facemos e sen valorar o posto”. Porque, denunciou na RPT presentada no seu momento polas administración tampouco se valora ningunha das especificidades respecto do complemento específico, nin perigosidade, nin penosidade, nin nocturnidade, nin turnicidade, nin responsabilidade.
E, subliñou, o convenio que lles presentaron, en moitos dos casos, tiña condicións que rebaixaban os dereitos xa recoñecidos. “Ese foi o detonante das mobilizacións”, apuntou.
Xunto a isto, os bombeiros comarcais solicitan un reforzo do persoal xa que “tres persoas por quenda é insuficiente garantir a nosa propia seguridade e moito menos a das persoas nunha intervención”, e que se aplique dunha vez a fixeza dos contratos que xa recoñeceu o TS.
Logo das mobilizacións en cada unha das provincias, o colectivo ten convocada unha gran manifestación para o 17 de novembro en Compostela, na que contarán coa participación de compañeiras e compañeiros doutros territorio do Estado.