Organizacións sindicais e colectivos do mar presentan alegacións ao borrador de Decreto para a Ordenación do Espazo Marítimo
O acto de entrega das alegacións, avaladas por sinaturas, tivo lugar esta mañá na Subdelegación do Goberno en Pontevedra ás 11.00 horas e nela participou, en representación da CIG, o secretario comarcal da FGAMT, Xabier Aboi. Dende as organizacións promotoras das alegacións explican que o Goberno en funcións de Madrid elaborou un borrador de Decreto para a Ordenación do Espazo Marítimo que estivo a exposición pública no período vacacional (do 2 de agosto ao 15 de setembro).
Segundo denuncian, este feito -e o propio contido do Decreto, que centraliza a capacidade do Estado de definir o espazo marítimo galego, invadindo competencias do Estatuto, ademais de citar como competencia do Goberno central a acuicultura- ten xerado a alarma entre as organizacións do sector do mar, “que vemos con desconfianza un novo intento de introducir a piscicultura nas nosas costas”.