Organizacións sindicais internacionais alertan dos perigos da globalización, que consideran xa “insostíbel”
» ACCEDE AQUÍ A TODOS OS VÍDEOS DO SEMINARIO
Baixo o título “A defensa do traballo na era covid-19” celebrouse, durante toda a xornada deste venres, un Seminario Internacional organizado pola CIG no que participaron representantes de organizacións sindicais de diferentes países do mundo. Unha convención na que as e os asistentes alertaron dos perigos da globalización, que cualificaron como “insostíbel”, e fixeron un chamamento a combater a ofensiva mundial do capital -reforzada so pretexto da covid- contra o traballo.
Nas distintas intervencións reafirmouse a importancia que, hoxe máis que nunca, ten o sindicalismo combativo de clase para exixir “políticas que garantan os dereitos da clase traballadora, o benestar das maiorías sociais, mais tamén a autodeterminación, a soberanía dos pobos e nacións como reivindicacións , toda elas necesarias, para construír un mundo que está moi necesitado de xustiza, cooperación, igualdade e paz”.
Así o expresou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que foi o encargado de presentar as conclusións dos debates nos que se evidenciou que a crise sanitaria causada pola covid-19 converteuse nunha profunda crise económica e social, que non ten fronteiras, pero que non afecta por igual nin a todas as clases sociais, nin a todos os pobos e nacións.
Incapacidade do capitalismo neoliberal
Neste sentido Carril recolleu o sentir das organizacións asistentes respecto da pandemia e a súa xestión, que “demostran a incapacidade do capitalismo neoliberal para dar solucións á humanidade, na que predominan os intereses económicos privados, mesmo mercantilizando a vida humana, e na que cada vez máis sectores das clases populares se atopan na máis absoluta desprotección social e sanitaria”.
O secretario xeral da CIG denunciou como se priorizou o vigor da economía en prexuízo claro da preservación da saúde e do benestar do conxunto da poboación e como quedou claro que “resulta insostíbel a globalización, a deslocalización a nivel mundial dos procesos produtivos dos bens e servizos, así como a dependencia que os estados teñen das empresas privadas para acceder a produtos esenciais (vacinas, produtos farmacéuticos, material de protección, etc.), póndose en risco a seguridade de toda a poboación ante a imposibilidade de acceder a eles no momento que se necesita”.
Na xornada denunciouse ademais como a economía mundial segue a estar dominada polo imperialismo e “pola imposición dunhas relacións baseadas na súa avariciosa carreira polo aumento da marxe de beneficios competindo polo control das materias primas e os mercados, intensificando a destrución do medio ambiente e aumentando as actuacións agresivas contra os países que non se someten a este deseño”. Mais tamén se coincidiu en denunciar a concentración de poder, rendas e riqueza en menos mans, tendo en conta que o 1% máis rico da poboación mundial concentra o 47%, case a metade, da riqueza mundial.
Aceleración dos cambios no mundo do traballo
Outra das cuestións abordadas foi a aceleración, coa pandemia, das transformacións que se estaban a producir na economía e no traballo. Transformacións que teñen como obxectivo, tal e como afirmou Carril, “manter a hexemonía do capital que, na súa necesidade de continua expansión, de abrir novos mercados, vai impoñendo todo tipo de mudanzas no modelo produtivo, e valéndose, unha vez máis, do papel dos estados e do consumo millonario de recursos públicos que causan, ao tempo, importantes recortes nas políticas dirixidas ás maiorías sociais, aumentando o empobrecemento xeneralizado e a desigualdade”.
Así denunciouse a chamada dixitalización dos procesos produtivos e da descarbonización da economía, que están aumentando as ameazas económicas, industriais, sociais e laborais para o conxunto da clase traballadora e dun desenvolvemento soberano dos pobos e das nacións do mundo.
Procesos cun grande impacto, pero que nin son neutrais, nin están a favorecer un desenvolvemento económico e social digno dos pobos, como o galego, e que “están acelerando e transformando o proceso de valorización do capital fronte ao traballo, provocando unha preocupante xeración de polos de desenvolvemento moi localizados xeograficamente, onde se concentra toda o investimento tecnolóxico e o rendemento económico deste, ao tempo que este se desvaloriza a través das reformas laborais, sociais e da negociación colectiva”.
Unha situación que “aumenta o risco dun maior desemprego estrutural, da individualización das relacións laborais, da precariedade, dos baixos salarios, das discriminacións de xénero, da emigración e do aumento da exclusión social”, sinalou o secretario xeral da CIG.
Neste sentido, Carril advertiu que “quen controla e monopoliza as melloras tecnolóxicas exporta de forma agresiva a outros territorios a aplicación destas, acentuándose as tendencias e os perigos da deslocalización e da fragmentación territorial dos procesos produtivos cara aos lugares con condicións laborais máis baixas”, fomentándose así a competitividade con base en peores salarios e condicións de traballo.
Unha transición nin xusta, nin social en Galiza
Máis unha vez o secretario xeral da CIG denunciou o “proceso de demolición” e “desmantelamento total” do noso tecido produtivo a consecuencia das chamadas descarbonización da economía e transición enerxética. Procesos cos que se pretende “seguir espoliando os nosos recursos enerxéticos”, ao servizo dos intereses das empresas eléctricas por decisións conscientes dos gobernos, que “fan o seu lavado verde”, substituíndo unha fonte de produción de enerxía (centrais térmicas) por outras (eólicos e renovábeis), pero “sen asumir ningún tipo de responsabilidade social do dano causado”.
Como tamén denunciou a “ditadura” das eléctricas, que acumulan cada día máis ganancias polos altos prezos da electricidade, “causando pobreza enerxética a máis poboación e ao servizo dun desenvolvemento industrial e de xeración de emprego que non está a reverter no pobo galego” porque, dixo, seguimos sen ter soberanía sobre a enerxía”.
Xunto a isto clamou contra a ausencia de políticas públicas para poñer a enerxía ao servizo do pobo e garantir a enerxía como un dereito universal, porque “é un ben básico”, afirmou, “un dereito fundamental de toda a poboación para poder ter unha vida digna.
Explotación da clase traballadora e dos pobos
As e os asistentes denunciaron ademais a nova fase da ofensiva do capital contra o traballo porque o capitalismo, aínda que estea en crise, estase transformando en novas formas de existir. Incidiron ademais en que, en todo caso, segue tendo na forza do traballo humano o factor imprescindíbel e decisivo para a creación de riqueza, para obter beneficios con base na explotación da clase traballadora e dos pobos.
Alertaron tamén do aumento do investimento no capital, fronte ao traballo e denunciaron a aceleración da caída do peso das rendas salariais no PIB, “xerándose grandes endebedamentos públicos que, á súa vez, causan importantes recortes nas políticas dirixidas ás maiorías sociais, aumentando o empobrecemento xeneralizado e a desigualdade”.
Rexeitaron ademais o modelo económico capitalista que “atopa en calquera ámbito da existencia humana e da natureza, negocio e oportunidade para aumentar a súa taxa de ganancia, colocando todos os medios ao seu alcance para obter a súa maior rendibilidade, sobreexplotando a clase traballadora e aumentando a inxustiza que causa para as maiorías sociais e para os pobos do mundo”.
A este respecto, o secretario xeral da CIG denunciou como se favorece “a inseguridade e inestabilidade laboral permanente, as longas xornadas laborais, os baixos salarios, con dificultades de chegar a fin de mes, con escasas cotizacións á seguridade social”. Ao que se suman outras perigosas manifestacións, como en Galiza, de emigración, caída da poboación activa e avellentamento da poboación. “O modelo ideal para o capital manterse e reproducirse”.
Por iso denunciou “o grande problema que no sindicalismo representa o chamado diálogo social, que de forma compulsiva e fanática se ten instaurado no mundo sindical”, como vía para diminuír a conflitividade laboral, “colocándose como aliado e colaborador necesario, renunciando a dar a batalla ideolóxica e política necesaria para contribuír a un cambio real do actual modelo económico e social”. Mais tamén “para xustificar os incumprimentos programáticos dos Gobernos de esquerda e agochar a súa debilidade fronte á gran patronal”, matizou.
Alertou que, nestas circunstancias o maior perigo do sindicalismo é “non saber estar á altura de cada momento e substituír o conflito pola conciliación, polo pacto e o diálogo social mentres o capital avanza impoñendo o seu modelo”. E concluíu que “non temos alternativa, o conflito é a solución ante esta realidade, porque non hai mellora real das condicións de vida, non hai dereitos, non hai fin da explotación de clase que non pase pola permanente confrontación social, pero tamén ideolóxica, contra o poder económico e político. Combinar correcta e oportunamente a formulación de propostas coa mobilización será o que marque o camiño para a súa consecución”.