Tres meses sen cobrar as prestacións derivadas do ERTE: “Onde están os nosos cartos?!”
O cadro de persoal de Magna Seating, empresa do sector da automoción con sede no Porriño, mobilizouse hoxe diante do SEPE en Vigo e das instalacións da compañía no polígono das Gándaras ao berro de “onde están os nosos cartos?” para reclamar o pago das prestacións derivadas do ERTE. Dende o comité denuncian que arredor dun 65% dos traballadores/as leva xa tres meses sen ningún tipo de ingreso.
As seccións sindicais de CIG, UGT e CCOO de Magna Seating Vigo, que ostentan a maioría no comité de empresa (11 dun total de 13 delegados/as), convocaron dúas concentracións este martes para denunciar a situación que está a padecer o cadro de persoal, que leva sen cobrar dende o mes de marzo.
Lembran que os traballadores/as atópanse en ERTE por forza maior dende marzo, e arredor do 65% do persoal segue a día de hoxe sen percibir ningún tipo de prestación por parte do SEPE, polo que van camiño dos tres meses sen ningún ingreso.
Critican que nin a empresa nin o SEPE lles dan unha resposta axeitada ás solicitudes das prestacións correspondentes, feito que agrava aínda máis a situación persoal e familiar que se está a padecer por mor desta crise sanitaria.
“O único que sabemos é que empresa e SEPE vótanse as culpas mutuamente do sucedido”. En consecuencia, a pesar de ter transcorridos xa tres meses nin os responsábeis do SEPE nin de Magna Seating toman medidas para paliar a situación extrema que están a padecer os empregados/as.
Diante disto, esíxenlle tanto ao SEPE como a Magna Seating que atopen unha solución urxente para que o persoal afectado poida cobrar inmediatamente os cartos que se lles adebedan. “Unha multinacional como Magna e unha Administración responsábel non poden permitir que centos de familias estean a padecer esta situación; consideramos aos dous responsábeis da nosa situación e por iso nos mobilizamos para esixir os nosos dereitos”.